Boas tardes lectoras e lectores!
Benvidas e benvidos a miña última entrada para a materia de As Linguas Estranxeiras no Contexto Nacional e Internacional! Hoxe quero falarvos sobre o último tema que tratamos na aula coa profesora Carla Bouzada: a ensinanza-aprendizaxe e certificación das linguas estranxeiras polas institucións internacionais. Este abarca diferentes aspectos: as persoas involucradas no proceso de ensinanza-aprendizaxe (das linguas estranxeiras), os métodos para a aprendizaxe destas, os tipos de actividades, o papel do erro e a interlingua, a avaliación, e as institucións involucradas na certificación. A continuación, comentarei brevemente algúns destes puntos e tamén a actividade que realizamos para traballar o tema.
Os usuarios que están involucrados no proceso da ensinanza-aprendizaxe son os seguintes: as autoridades educativas, os/as autores/as de manuais e responsables de deseño de cursos, as persoas relacionadas cos exames e cualificacións, o profesorado e o alumnado. Cada un destes usuarios ten unha función distinta, e é o conxunto de todas que fai posible a ensinanza e aprendizaxe dunha lingua. Por exemplo, o papel das autoridades educativas consiste en especificar os obxectivos da aprendizaxe, mentres que o alumnado ten a responsabilidade de amosar iniciativa para facilitar a autoaprendizaxe, xa que unha vez rematada a etapa educativa formal, a aprendizaxe das linguas pasará a ser autónoma, o que fai que o desenvolvemento da capacidade de aprender sexa moi importante.
En canto á metodoloxía, o MCER non pode dicirnos cal usar en concreto, senón que ten que estar aberto a todas. O que fai o Marco é ofrecer unha serie de aspectos a tratar que derivan de prácticas existentes, pero non desenvolve os métodos a través dos cales poden traballarse. Por exemplo, algunhas das opcións que presenta de cara a aprendizaxe dunha lingua son: a exposición directa a un uso auténtico da L2 (ex: cara a cara, escoitando gravacións, vendo programas da televisión, etc); a exposición directa a enunciados falados e textos escritos en L2; mediante a participación directa en situacións comunicativas auténticas en L2 (ex: a través dunha conversación cunha persoa nativa); mediante a participación directa en tarefas elaboradas en L2; mediante a combinación de exercicios de repetición e actividades de explotación a través da L1 como lingua de explicación; ou mediante a combinación dalgunhas das actividades mencionadas. Respecto ao profesorado, este ten un papel moi importante no proceso de ensinanza-aprendizaxe dunha lingua estranxeira, polo que as súas destrezas para ensinar e dirixir a aula, as súas capacidades, os seus coñecementos, xunto con outros aspectos, son factores primordiais a ter en conta. Do mesmo xeito, o alumnado tamén presenta unha posición importante dentro do proceso, sendo responsable de participar e colaborar co profesorado e compañeiras/os.
En relación co apartado da metodoloxía, realizamos unha actividade por grupos que consistía en investigar brevemente sobre diferentes métodos. No caso do meu grupo encargámonos da metodoloxía de Resposta Física Total (ou TPR do inglés Total Physical Response). Mentres procurábamos información tivemos que preparar unha breve presentación, para o que usamos a ferramenta genial.ly. Desde o meu punto de vista, esta metodoloxía conta coa vantaxe de que é moi dinámica e activa, o que pode axudar a manter o interese do alumnado durante a clase e a facilitar a aprendizaxe, aínda que penso que é máis axeitada para os máis pequenos, e non tanto para adultos. Cada grupo expuxo a presentación sobre o seu método ante a clase, parte da actividade que me pareceu moi interesante porque así todas as persoas puidemos aprender un pouco sobre cada un. Nesta imaxe déixovos un enlace para acceder á presentación do meu grupo.

Outro aspecto que mencionamos sobre a aprendizaxe das linguas foron as diferentes destrezas que se traballan, divididas en receptivas (comprensión lectora e oral) e produtivas (expresión escrita e oral). A comprensión lectora refírese á capacidade para reaccionar ante un texto escrito, é dicir, como comprendemos un texto a nivel léxico, xeral, e en base ao noso coñecemento do mundo, xa que a maneira en que enfoquemos a nosa lectura pode variar segundo o que procuremos neste. A comprensión oral é a capacidade que temos para dar sentido a un discurso oral, e como acontecía ao ler un texto escrito, non escoitamos sempre do mesmo xeito, xa que depende dos aspectos aos que teñamos que prestar particular atención. A expresión escrita está relacionada coa produción de textos para comunicar algo a alguén. Neste caso, as pautas que utilicemos para escribir dependen do tipo de mensaxe que queiramos transmitir e da persoa a quen vai dirixido. Por último, a expresión oral fai alusión á capacidade para comunicarnos con outras persoas. Para isto, hai que ter en conta os diferentes factores que afectan as nosas interaccións, como o contacto visual, as expresións faciais, a fluidez e a precisión, entre outros.
Para rematar, tamén comentamos o papel que ten "o erro" na ensinanza das linguas. Para comprender este punto é importante saber que o erro é un fallo cometido polo alumno/a porque intenta facer referencia a algo por encima do seu nivel lingüístico ou de procesamento, polo que non se pode autocorrixir. Ademais, tamén é necesario coñecer o que é a interlingua: sistema que o/a estudante constrúe a medida que vai aprendendo a L2, e que polo tanto está influído pola L1. Hai que ter en conta que está en continua evolución, xa que o alumnado procesa, analiza e reorganiza a interlingua. En suma, esta constitúe unha etapa necesaria no proceso de aprendizaxe porque axuda a identificar os erros e como mellorar para falar a L2 correctamente.
E ata aquí a entrada de hoxe, a través da cal xa coñecemos os diferentes aspectos que forman parte da aprendizaxe das linguas estranxeiras! Espero que fose interesante, e graciñas por acompañarme nesta aventura de "bloguera"!
Iria.