Ola de novo!
Como tema para a entrada de hoxe temos os niveis de referencia da aprendizaxe das linguas e o desenvolvemento de competencias. Imos comentar as competencias do MCER, tanto xerais como da comunicación lingüística en particular, xa que nesta materia temos maior interese na aprendizaxe das linguas estranxeiras. Primeiro describirei as competencias do MCER brevemente, centrándome en como están divididas e que aspectos traballan, e despois comentarei algunhas actividades que realizamos na aula en relación a este tema.
O MCER fai distinción entre dous tipos de competencias: as xerais, que non están conectadas de forma directa coa lingua pero podemos recorrer a elas para levar a cabo diferentes accións; e as comunicativas, que permiten a unha persoa intervir a través de medios lingüísticos concretamente. As competencias xerais divídense en catro grupos: o saber, o saber facer, o saber ser, e o saber aprender. O saber, ou coñecemento declarativo, abarca os coñecementos sobre o mundo, socioculturais e interculturais. O saber facer refírese á capacidade dunha persoa para desenvolver destrezas e habilidades prácticas e interculturais. O saber ser, ou competencia existencial, está centrado nas actitudes e motivacións das persoas fronte a novas experiencias, xunto a outras características como os valores, as crenzas e diferentes factores da personalidade, aspectos moi importantes que poden afectar á capacidade de aprendizaxe do alumnado. Por último, o saber aprender reflicte a capacidade do alumnado para observar e participar en novas experiencias e incorporar estes novos coñecementos aos seus previos, capacidade que se desenvolve a medida que avanza a aprendizaxe da lingua.
As competencias comunicativas están relacionadas coa lingua, e divídense nas seguintes categorías: lingüística, que abrangue as competencias léxica, gramatical, fonolóxica, e ortográfica, entre outras; sociolingüística, que inclúe os marcadores lingüísticos de relacións sociais, as normas de cortesía, e o dialecto e acento; e pragmática, que se divide en discursiva e funcional. As competencias lingüísticas miden diferentes aspectos das linguas, como a riqueza e dominio do vocabulario, a corrección gramatical, a competencia fonolóxica (pronunciación), e as competencias ortográfica e ortoépica. Cabe destacar que a complexidade dos sistemas lingüísticos e a constante evolución pola que pasan as linguas fai que sexa complicado elaborar unha descrición completa destas. A competencia sociolingüística traballa a dimensión social da lingua, o que inclúe marcadores sociais, como os saúdos e as formas de tratamento; normas de cortesía, as cales varían segundo a cultura e poden dar lugar a malentendidos se non se teñen os coñecementos básicos; expresións de sabedoría popular, como refráns; diferenzas de rexistro, que indican o nivel de formalidade das expresións lingüísticas que varían segundo o contexto; e dialecto e acento, xa que se recomenda que o alumnado estea informado sobre a variedade e connotacións sociais que estes factores presentan. Para rematar, a competencia pragmática divídese na competencia discursiva, capacidade que amosa o alumnado para ordenar oracións en secuencias coherentes na lingua a aprender, e na competencia funcional, capacidade que amosa o alumnado para utilizar o discurso falado e os textos escritos para comunicarse en situacións concretas.
Desde o meu punto de vista, o apartado sobre o coñecemento declarativo é o máis interesante, xa que sempre me gustou aprender sobre as diferentes culturas do mundo. Penso que a lingua e a cultura están conectadas en certos aspectos, polo que cando aprendemos unha lingua non está de mal aprender un pouco sobre a cultura do país, ou países, onde se fala, para así enriquecer máis os nosos coñecementos. Respecto a este tema, gustaríame destacar dúas actividades que realizamos na aula. A primeira consistiu en ver o vídeo "The danger of a single story", charla TED de Chimamanda Ngozi Adichie, escritora nixeriana. Eu xa tiña visto este vídeo, é paréceme que, ademais de ser moi interesante, a mensaxe que transmite é moi importante. Non podemos reducir ás persoas aos estereotipos que temos sobre a súa cultura ou país, especialmente porque os estereotipos tenden a estar fundamentados nunha perspectiva ignorante e en moitas ocasións despectiva. Nas palabras de Adichie: "unha única historia crea estereotipos. E o problema cos estereotipos non é que non sexan certos, senón que están incompletos. Fan que unha historia se converta na única historia." É importante que non rebaixemos os nosos coñecementos a estes estereotipos, e mostremos interese polas diferentes culturas e tradicións doutros lugares, e polas diferentes historias que poda aportar cada persoa. A segunda actividade estaba relacionada co vídeo, e consistía en comentar entre todos e todas experiencias propias relacionadas cos estereotipos sobre o noso país. Xa coñecemos os estereotipos sobre España, e aínda que moitos tenden a ser acertados, nunca se sabe con que che poden sorprender no estranxeiro! Gustoume moito compartir estas anécdotas porque foi divertido á vez que interesante e serviu para dinamizar a parte teórica do tema e crear un bo ambiente na aula.
En conclusión, é importante coñecer as competencias que queremos traballar, para así poder enfocar a nosa aprendizaxe. Aínda que as competencias comunicativas son máis específicas á hora de aprender unha lingua estranxeira, tamén é importante ter en conta as competencias xerais, porque a mellor maneira de avanzar na nosa aprendizaxe vai ser traballando gradualmente todos estes aspectos que ambos tipos de competencias abarcan. Por último, quería recomendarvos que vexades o vídeo de Chimamanda N. Adichie, xa que é unha charla moi interesante da que podemos aprender moito.
Espero que vos gustase a entrada!
Iria.
Ola. Eu tamén penso que se debería coñecer algo da cultura doutro país mentres aprendemos a língua dese país. Lástima que moitas veces os docentes non teñan moito tempo e aborden pouco este tema. Ademais, se o fan, normalmente centran a sua atención na literatura ou na música e esquecen o resto. Unha entrada moi interesante.
ResponderEliminarMoitas grazas polo teu comentario, David!
EliminarSaúdos, Iria. Recoméndote encarecidamente a colección de libros que nos ensinou Carla en clase durante a presentación do tema, "Xenophobes guide to the…", e elixe ti o topónimo! Teñen clichés e estereotipos en cada liña, pero resultan divertidos.
ResponderEliminarVémonos na clase!
Moitas grazas polo teu comentario e pola recomendación, Alejandro!
ResponderEliminar