venres, 22 de febreiro de 2019

Didáctica: Segunda Entrada Úrsula Kirsten

Ola a todas e todos!

Esta é a miña última entrada para a materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Nesta vou falar sobre as competencias clave e sobre a ensinanza da gramática e do vocabulario. Centrareime nas distintas formas en que as diferentes competencias clave poden traballarse a través da lingua estranxeira, e no papel que teñen a gramática e o vocabulario na aprendizaxe desta. Así mesmo, tamén comentarei as actividades realizadas para ambos temas. 

Na lei previa a actual, é dicir, a LOE, presentábanse as competencias básicas. Actualmente, a LOMCE expón as xa coñecidas como competencias clave (competencia lingüística, competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, competencia dixital, aprender a aprender, competencias sociais e cívicas, sentido da iniciativa e espírito emprendedor, e, finalmente, conciencia e expresións culturais). A principal diferenza entre estas é que na LOE aparece a competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico, sendo así oito competencias en vez das sete actuais. Podemos atopalas no currículo de Galicia e procurar información específica sobre cales traballa cada materia en cada curso. Estas son avaliadas individualmente por cada profesor/a, e xeralmente, o/a titor/a está encargado/a de calcular a media de cada unha. Durante a aula dividímonos por grupos para pensar actividades que se poden facer para traballar as competencias clave na clase de LE, e ao meu grupo (Laura R. Fernández, María Riobó e eu) tocounos a competencia social e cívica. En vez de actividades, pensamos temas que poderían tratarse co fin de desenvolver dita competencia. Por exemplo, falar sobre o papel das ONG, da importancia de votar e estar ben informadas/os durante as eleccións, das diferentes maneiras nas que se pode coidar e protexer o medio ambiente e dos efectos nocivos que ten non facelo, e tamén sobre o fomento da igualdade entre os diferentes xéneros e o respecto pola diversidade

A competencia lingüística é a que máis se vai traballar na aula de linguas estranxeiras, xa que as actividades desenvolvidas teñen finalidade comunicativa, pero isto no quita que se poidan traballar o resto das competencias clave. Estes son algúns exemplos: a competencia matemática está presente en temas como as horas e o tempo, e no uso dos números. A competencia dixital pode atoparse no uso de dispositivos electrónicos (computdores, gravadoras, etc) e no acceso a material online e audiovisual (películas, cancións, xogos, blogues, etc). No caso da competencia de aprender a aprender, esta trabállase a través da oganización e autoavaliación, así como do desenvolvemento da autonomía. As competencias sociais e cívicas fomentan o respecto e interese pola lingua estranxeira e a súa cultura e pola diversidade, así como o respecto á hora de interactuar coas demais persoas. O sentido da iniciativa e espírito emprendedor  vese no esforzo do alumnado, e no fomento da creatividade e uso da imaxinación e innovación. Por último, a competencia de conciencia e expresións culturais está presente na representación de tradicións e costumes de diferentes culturas, na lectura sobre estas e na sensibilidade coa arte (uso de películas e cancións). 
Imagen relacionada

Movéndonos agora ao tema sobre a ensinanza do vocabulario e da gramática, é ben sabido que o sistema educativo español céntrase nesta última particularmente. Obviamente, coñecer a gramática dunha lingua é importante para poder falar axeitadamente, porén non é primordial e non se pode deixar outros aspectos de lado por darlle máis importancia a esta. Existen dous tipos de métodos que presetan dous extremos completamente opostos sobre o enfque da gramática. No método dedutivo (que é o tradicional) a gramática é o elemento principal, e está baseado na repetición e memorización. Por outro lado, no método indutivo, a comunicación ten máis importancia que a gramática e a aprendizaxe transcorre de forma intuitiva. Non obstante, existe un punto medio entre ambos métodos: o enfoque comunicativo, que presta atención unicamente á gramática necesaria para o contexto comunicativo. Para introducir a gramática dunha forma máis interesante para o alumnado, poden utilizarse cancións, xogos (ex: Kahoot, Quizlet, etc), películas, vídeos, e actividades de Respota Física Total

Respecto do vocabulario, ou léxico, este abarca diferentes puntos, que son a ortografía, a pronunciación, o contexo, o significado, e o seu uso dentro das oracións. O alumnado non sempre comprenderá todo o vocabulario polo que será necesario centrarse naquel que sexa primordial para a comprensión. Recoméndase utilizar lecturas en voz alta ou gravacións, dar instrucións claras sobre os significados, relacionar a aprendizaxe de vocabulario e ortografía, explicar ben como utilizar un dicionario, e proporcionar estratexias de aprendizaxe. Exemplos típicos de exercicios para practicar vocabulario son encher ocos, unir dúas partes, opción múltiple e corrixir erros. Os pasos que se recomenda seguir para a ensinanza de gramática e vocabulario son os seguintes: actividade de warm-up, exposición ao texto oral ou escrito que presente o aspecto gramatical / vocabulario que se vai traballar, asegurar a comprensión e comprobar que se entenderon as regras gramaticais / definicións do vocabulario, e aclarar as posibles dúbidas. Os exercicios que se realicen deberían ser guiados, semiguiados e libres, seguindo esta orde. En canto á corrección de erros, suxírese limitala e que non se enfoque de xeito tan negativo, xa que pode afectar á autoestima e participación do alumnado, e non podemos esquecer que os erros axudan á aprendizaxe

Para finalizar, déixovos aquí as tres actividades que deseñei para traballar o vocabulario sobre a ciencia, que están enfocadas ao curso de cuarto da ESO. Estas actividades están conectadas co Día da Muller e a Nena na Ciencia e o obxectivo principal é familiarizarse co vocabulario á vez que se promove a representación positiva da muller no ámbito científico-matemático e se procura romper cos estereotipos negativos sobre isto. Para comenzar, como warm-up, preguntaráselle ao alumnado se coñecen algunha muller científica, e cal foi o seu achegamento á ciencia, e se creen que é importante que exista un día para conmemorar a labor das mulleres neste ámbito. Unha vez o alumnado está familiarizado co contexto, verá o seguinte vídeo e terán que identificar aquelas palabras relacionadas co ámbito científico (exemplos: physicit, chemistry, experiment, scientist, research, lab, discovery). No caso dos alumnos que precisen unha maior atención, contarán cun papel coas palabras en castelán que teñen que atopar no vídeo, e no caso dos fast finishers estes terán tamén unha ficha na que asociar a cada muller mencionada no vídeo co seu aporte á ciencia e indicar se recibiu algún premio ou non. A seguinte actividade consiste en facer un bingo con vocabulario relacionado co tema. O alumnado dividirase por parellas e cada unha terá unha lista de palabras, todas diferentes. Aos alumnos que precisan maior atención daráselles tamén unha copia coa tradución das palabras ao castelán. A profesora dirá unha serie de definicións que se corresponden con algunhas das palabras que aparecen nas listas (por exemplo, se a palabra é chemistry, a definición desta sería branch of science that deals with substances and their possible transformations). Os alumnos terán que acertar que palabras se corresponden coas definicións, e a primeira parella que teña todas as palabras que van saíndo, gaña. Para a útima actividade, faranse grupos de tres o máis equitativos posibles (de acordo co perfil e nivel do alumnado) e cada grupo terá que investigar sobre unha muller científica (exemplos: Hedy Lamarr, Rosalind Franklin, Marie Curie ou Hipatia de Alexandría) para falar brevemente sobre esta e o seu traballo ante a aula. Para procurar información iríase a aula TIC. No caso de que houbese auxiliar, podería falar sobre unha, ou máis, científicas do seu país, e sobre a representación feminina no ámbito científico. En canto ás competencias, a través destas actividades traballaríanse a competencia lingüística, a competencia dixital, a competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, aprender a aprender, e as competencias sociais e cívicas. 


Espero que a entrada vos parecese interesante, e que vos gustasen as actividades presentadas. Agardo os vosos comentarios!

Iria. 








xoves, 21 de febreiro de 2019

Didáctica: Primera Entrada Úrsula Kirsten

Ola de novo a todas e todos!

Hoxe vou falar sobre os primeiros temas que tratamos coa profesora Úrsula Kirsten: a titoría, a atención á diversidade e a metodoloxía CLIL. Durante as sesións que traballamos estes apartados, centrámonos nas diferentes funcións da titoría e en como se pode integrar a lingua estranxeira dentro desta; observamos as diferentes medidas que se poden levar a cabo para proporcionar unha mellor atención á diversidade; e finalmente comentamos o papel dos auxiliares de conversación e como funciona o método CLIL. A continuación falarei brevemente sobre a teoría e presentarei as actividades prácticas que realizamos. 

A función titorial debe, entre outras cousas, fomentar unha educación integral e personalizada, máis alá de impartir coñecementos. A titoría utilízase principalmente para tratar temas transversais e proporcionar asesoramento en diferentes temas educativos, á vez que se pretende axudar ao alumnado a mellorar a percepción de si mesmos. É dicir, a acción titorial encárgase de proporcionar asesoramento en relación coas diferentes habilidades para a vida. Tratar estes temas pode ser moi beneficioso para o alumnado, porque de que nos serve ter tanto coñecemento de matemáticas ou historia da arte, se despois non vamos saber como desenvolvernos no mundo 'real', máis alá do ámbito educativo? Axudar a desenvolver as habilidades psicosociais do alumnado é moi importante para poder proporcionarlle as capacidades básicas necesarias para desenvolverse na sociedade. Así mesmo, é imprescindible fomentar un bo ambiente tanto no centro como na aula, destacando a importancia do respecto entre todas as persoas que integran a comunidade escolar

Respecto do idioma no que se debe impartir a materia, este é o galego, agás nos centros plurilingües. Non obstante, hai diferentes opcións que permiten integrar a lingua estranxeira dentro da aula de titoría, a través de diferentes actividades, por exemplo, sobre a diversidade cultural, técnicas de estudo, ou promovendo a participación en actividades do centro que se desenvolvan en dita lingua. Na aula, tivemos que crear unha tarefa para empregar nunha sesión de titoría, na que se integrase a lingua estranxeira. Xunto coas miñas compañeira María Riobó e Laura R. Fernández planeamos unha actividade para 2º da ESO, durante a semana previa ao Día Mundial do Medio Ambiente. Os obxectivos desta actividade son concienciar ao alumnado sobre os efectos da contaminación e do cambio climático, promover a importancia de preservar o medio ambiente e impulsar as 3R (reducir, reutilizar e reciclar). Para tratar isto utilizaríamos o vídeo que aparece a continuación, o que nos permitiría incorporar o inglés e aprender así vocabulario relacionado co coidado do ecosistema. 

Centrándonos agora nas medidas de atención á diversidade, estas son estratexias ou programas, que pretenden ofrecer a posibilidade de adaptar o sistema ás particulares características educativas do alumnado. Estas medidas están recollidas no Plan Xeral de Atención á Diversidade, e poden clasificarse en ordinarias ou extraordinarias. As ordinarias son aquelas nas que o currículo é adaptado pero sen producir alteracións significativas, mentres que as extraordinarias si que requiren modificacións características. Existen diferentes tipos de alumnado que poden precisar destas adaptacións para mellorar e facilitar o seu proceso de ensinanza-aprendizaxe, entre os que se atopan o alumnado con TDAH e o alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe (dislexia, disgrafía, etc). Cabe mencionar a existencia do Programa de Mellorar da Aprendizaxe e Rendemento (PMAR), un programa que se desenvolve entre 2º e 3º da ESO utilizando unha metodoloxía específica diferente á establecida no sistema xeral co fin de que o alumnado poida incorporarse a 4º da ESO pola vía ordinaria, obtendo así o graduado na Educación Secundaria Obrigatoria. As actividades de lingua estranxeira que realizan os alumnos de PMAR contan con certas adaptacións, como observamos nos modelos de 1000+ Activities (Oxford) e de Burlington Books. Estas adaptacións amosan un tipo de actividades máis guiadas, e contan co apoio de explicacións gramaticais e/ou traducións ao castelán para axudar ao alumnado que o precise a enfocar e seguir mellor as tarefas. Mais adiante, tamén hai a opción da Formación Profesional Básica para aqueles estudantes de entre 16 e 17 anos que deciden abandonar o sistema educativo sen obter o título da Secundaria Obrigatoria. A FP permite ademais continuar con estudos profesionais a través dos ciclos formativos de Grao Medio. Os obxectivos deste tipo de programas son evitar o abandono escolar temperá e a desescolarización, así como facilitar o desenvolvemento persoal e social do alumnado. 

Para rematar, falamos sobre os diferentes programas de linguas estranxeiras, tanto para o alumnado (CUALE, AXUDASLE), para o profesorado (PIALE, CALC), e outros como son as seccións bilingües, centros plurilingües e os auxiliares de conversación. Respecto destes últimos, son persoas que falan as nosas linguas estranxeiras (inglés, francés, portugués, etc) como primeira lingua, e actúan como asistentes para o profesorado destes idiomas. Algunhas das súas principais tarefas son practicar a oralidade, ensinar a cultura do seu país, axudar na planificación das aulas e achegar recursos didácticos. A presenza dun auxiliar de conversación pode traer moitas vantaxes á aula, como aportar unha visión directa da cultura do seu país, axudar ao alumnado a asimiliar de maneira natural a súa lingua e promover actitudes positivas e respectuosas de cara á diversidade cultural. Durante a aula, planeamos unha actividade para facer cun auxiliar de conversación. A miña compañeira Laura R. Fernández e eu pensamos nunha actividade para 2º da ESO co obxectivo de traballar o vocabulario sobre os deportes e de buscar o interese daquelas persoas que adoitan estar máis descolgadas no transcurso das aulas a través deste tema que pensamos que pode ser atractivo para elas. A auxiliar, de Inglaterra, expoñería unha presentación sobre os deportes típicos no seu país, falando tamén sobre os deportistas e/ou equipos máis coñecidos, e facendo énfase no fútbol, xa que igual que aquí é un dos deportes máis seguidos. Deste xeito, trataríase o vocabulario sobre os deportes á vez que o alumnado incrementa a súa cultura sobre a lingua meta.

Os auxiliares de conversación poden tamén apoiar a aqueles profesores que traballan a  través da metodoloxía CLIL. Como xa falei nunha das miñas entradas anteriores, esta metodoloxía presenta un enfoque da aprendizaxe das linguas estranxeiras desde unha perspectiva na educación, e non como materia illada. Trátase, polo tanto, dunha metodoloxía de carácter interdesciplinar, apoiada no enfoque por tarefas que segue un proceso de scaffolding (andamiaxe), e cuxo obxectivo é o contido e non a lingua. As aulas de CLIL están integradas baseándose en cinco compoñentes, que son: contido, comunicación, competencias, comunidade, e cognición. Por último, as actividades que se levan a cabo durante estas aulas divídense segundo o nivel de (menor a maior) dificultade en LOTS (Lower Order Thinking Skills) e HOTS (Higher Order Thinking Skills). Para ilustrar mellor esta metodoloxía, tivemos que planear as 5 Cs dunha lección CLIL. Tamén traballei coa miña compañeira Laura R. Fernández, e neste caso a nosa actividade está orientada á materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e ao curso de 1º da ESO, e céntrase no tema do cómic. O recursos necesarios son o bloc de debuxo, un set de regras, lapis, goma e cores. As 5Cs están explicadas na seguinte imaxe interactiva. No caso de que houbese auxiliar, este/a pode levar fotocopias dos cómics máis coñecidos no seu país e falar sobre ilustradores famosos que procedan de alí. 

E ata aquí por hoxe! Espero que vos parecese interesante a entrada e servira para ilustrar os contidos expostos na aula. Comprender ben estes aspectos, como o papel dos/as titores/as e dos/as auxiliares de conversación, as medidas que se poden tomar para atender á diversidade, e como funciona a metodoloxía CLIL, é clave na formación do profesorado. Espero tamén que vos gustasen as actividades aquí planeadas, e non dubidedes en deixar un comentario coa vosa opinión ou calquera cuestión!

Iria. 

venres, 25 de xaneiro de 2019

Didáctica: Entrada Cristina Rodríguez

Bos días a todas e todos!

Na entrada de hoxe vou falar sobre a comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula, é dicir, comentarei os diferentes procedementos que se poden utilizar co fin de fomentar a aprendizaxe das linguas estranxeiras a través de actividades de expresión, interacción, comprensión e mediación. A maiores, tamén falarei brevemente sobre o uso que se pode facer das rúbricas para avaliar a expresión escrita e oral. Esta entrada correspóndese co tema 5, o cal foi impartido pola docente Cristina Rodríguez, polo que tamén describirei as actividades que realizamos durante as súas tres sesións. 

As actividades de mediación están baseadas na teoría de que o coñecemento dalgunhas linguas axuda á hora de aprender outras. A mediación, moi brevemente, consiste en achegar certa información a unha persoa que por algún motivo non a comprende. Esta pode ser oral (por exemplo, interpretación simultánea en congresos ou interpretación consecutiva en visitas con guías) e tamén pode ser escrita (por exemplo, tradución exacta de documentos legais ou tradución literaria). A mediación pode clasificarse segundo tres aspectos diferentes: lingüístico/textual, conceptual e social/cultural. A través da mediación de textos preténdese, de forma oral ou escrita, transmitir información específica, explicar datos, procesar e traducir textos, así como tomar notas para terceiras persoas e facer análises críticas de textos creativos ou expresar a reacción persoal ante estes. Por medio da mediación de conceptos procúrase facilitar o acceso a coñecementos e conceptos para quen non pode acceder a eles directamente. Por último, a mediación da comunicación ten a función de posibilitar a comunicación entre individuos con diferenzas socioculturais ou sociolingüísticas, facilitando un espazo multicultural. Pasando agora ás actividades de comprensión, estas poden utilizarse para captar ideas principais (skimming) ou para buscar información específica (scanning). As actividades de lectura e escoita poden empregarse para identificar opinións, entender instrucións, entender determinado vocabulario, etc. Estas son realizadas seguindo unha serie de pasos: a presentación e familiarización co contido, unha primeira lectura/escoita, unha segunda lectura/escoita, e un exercicio de pos-lectura/pos-escoita. Durante estas actividades o papel da profesora recae na organización (explicar as instrucións, obxectivos e outros aspectos relacionados co desenvolvemento da actividade), na observación para poder obter e proporcionar feedback, e na estimulación da reflexión do alumnado

Por último, quedan as actividades de produción e interacción, tanto escrita como oral. Por un lado está a expresión escrita, que adoita consumir moito tempo, xa que realmente ten que ser enfocada como un proceso dividido en planificación (tormenta de ideas ou debate), creación dun primeiro borrador (actividades cooperativas ou de edición e revisión) e a creación da versión final (publicación ou interacción). Algúns exemplos de actividades de expresión escrita son redactar poemas, crear un blogue colaborativo, ou escribir reseñas de libros e películas. O feedback ten un papel principal, xa que é importante que o alumnado aprenda a identificar, corrixir e entender os seus erros por eles mesmos, así como a recoñecer os seus puntos fortes. Por outro lado, a expresión oral é a máis importante no caso da aprendizaxe de linguas, polo que se recomenda incrementar o tempo de fala do alumnado ao máximo posible. Algúns exemplos de actividades de expresión oral son os debates, as presentacións, ou as simulacións e xogos de rol. O papel da profesora durante este tipo de actividades consiste en observar de forma discreta, interactuando co alumnado e incentivándoo para que fale, e proporcionar feedback. En canto á avaliación da expresión oral e escrita, unha opción é utilizar rúbricas. É importante ter en conta que a avaliación na aula debe ser transparente, consistente, de obxectivos claros, e debe proporcionar feedback descritivo. As rúbricas son un instrumento de avaliación compostas por unha serie de criterios coherentes para o traballo do alumnado que describen os niveis de calidade de actuación baseados neses criterios. Para deseñar unha rúbrica é preciso definir os criterios que vai seguir e decidir a escala na que vai avaliar. A través das rúbricas o alumnado pode centrarse nos criterios, deseñar estratexias e plantexar os obxectivos. Para ilustrar as rúbricas, durante a aula tivemos que deseñar unha que avaliase a nosa actividade de plurilingüismo. Esta tarefa foi máis difícil do que pensabamos porque resultou que tiñamos un concepto de rúbrica distinto en canto ás descricións que ofrece e a perspectiva que avalía. Por isto, considero que esta actividade foi de gran axuda para comprender mellor o concepto e así saber como utilizalo de cara ao futuro. 

Durante as tres sesións con Cristina Rodríguez realizamos dúas actividades principais, ademais do deseño da rúbrica. A primeira consistiu en crear, en pequenos grupos, a nosa propia actividade de mediación ou sobre o plurilingüismo. No meu grupo deseñamos unha actividade centrada no plurilingüismo, mencionada previamente, enfocada a unha aula de alumnado estranxeiro que vén a España para aprender español durante o verán, e conta cun nivel B1. A actividade consiste en que, utilizando unha ficha con determinadas preguntas tanto sobre linguas como sobre aspectos culturais, os alumnos teñen que entrevistarse entre eles e apuntar os aspectos que teñen en común outros países co seu, e tamén algún dato que lles chame a atención. Tras estas pequenas entrevistas, o alumnado ten que reflexionar sobre se hai máis similitudes ou diferenzas e se a través desta actividade aprenderon algo novo sobre si mesmos (por exemplo, que o seu perfil é máis plurilingüe do que pensaban). Pensamos nesta actividade porque nos pareceu unha forma divertida e dinámica de conseguir que os estudantes se coñezan entre eles durante a primeira semana de aulas á vez que reflexionan sobre o seu propio perfil multilingüe e multicultural. A segunda actividade que planeamos, esta vez en parellas, estaba relacionada coa comprensión. Nesta ocasión, deseñamos unha actividade de comprensión oral para traballar o vocabulario relacionado coa festividade do Nadal, ou similares, xa que nos pareceu unha actividade que pode involucrar máis ao alumnado por tratarse dun contido cultural próximo aos seus intereses. A actividade consiste en comentar un pouco as tradicións típicas das datas, para familiarizar ao alumnado co contexto e, a continuación, ver un vídeo sobre as tradicións do Reino Unido. Tras velo dúas veces, o alumnado terá que contestar unha serie de preguntas que despois corrixirán entre eles por parellas, para finalizar cunha posta en común invitando ao alumnado a reflexionar sobre o que pensan do que aprenderon a través do vídeo. Realizar estas tarefas pareceume moi práctico e beneficioso porque serviu para ilustrar os conceptos teóricos e comprendelos mellor para poder levalos á práctica.

Para finalizar a miña entrada, quero destacar a utilidade desta unidade, xa que coñecer as actividades da lingua é algo primordial para poder enfocar a ensinanza de forma que beneficie ao alumnado o máximo posible. Saber como traballar a mediación, a comprensión, a interacción e a expresión é importante para poder mellorar a aprendizaxe do alumnado. Ademais, as actividades realizadas, como xa mencionei, axudaron moito a ilustrar os conceptos e poder poñelos en práctica, proporcionando tamén ideas de cara ao futuro.
Espero que vos parecese unha entrada interesante!

Iria.




mércores, 23 de xaneiro de 2019

Didáctica: Entrada Gonzalo Constenla

Benvidas e benvidos ao meu blogue de novo!

Este ano comezamos unha nova materia: a didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras. Nesta trataránse diferentes aspectos, entre os cales destacan a aprendizaxe pedagóxica e didáctica necesaria para a formación do profesorado, os contidos curriculares, a elaboración de unidades didácticas, o deseño de actividades que traballen as catro destrezas da competencia comunicativa, a atención á diversidade, e as habilidades necesarias para que o proceso de ensinanza-aprendizaxe estea centrado sempre na perspectiva da educación en valores. Esta materia está repartida entre seis docentes diferentes, e este primeiro tema pertence ao profesor Gonzalo Constenla, que o impartiu en dúas sesións. A continuación centrareime nos aspectos tratados durante estas e nalgulnhas das actividades relacionadas. 

Na primeira sesión, comezamos cunha actividade na que, por grupos de tres ou catro persoas, tivemos que distinguir os aspectos individuais e comúns entre o que son a lingua materna e a lingua estranxeira. Para isto empregamos un diagrama de Venn, o cal me pareceu moi útil porque o esquema dos círculos superpostos permite ilustrar ben tanto as características individuais como as comúns entre dous factores. Cada grupo traballou individualmente, e despois puxemos as nosas propostas en común. A maioría estabamos de acordo en que a lingua materna está caracterizada por unha adquisición máis temperá e unha aprendizaxe inconsciente a través da cal non se presta tanta atención á gramática. Así mesmo, tamén coincidimos en que entre os aspectos que diferencian á lingua estranxeira, destacan que esta adoita ser aprendida nun ámbito formal, que a súa adquisición é máis tardía que a da lingua materna, que se trata dunha aprendizaxe consciente e que, ademais, presta gran e particular atención á gramática. Respecto aos aspectos que teñen en común, podemos resaltar que ambas están ligadas á cultura das persoas que as aprenden. Tras esta pequena actividade, pasamos a explicar as diferenzas que existen entre a lingua inicial, a lingua segunda e a lingua estranxeira. A lingua inicial é a que aprende un/ha cativo/a previo á etapa escolar, de forma inconsciente e sen ningunha intención particular. Pode adquirirse máis dunha lingua inicial. En canto á lingua segunda, esta é adquirida despois da inicial, mais non necesariamente na escola como lingua do ensino, xa que tamén pode aprenderse na rúa ou no lar. Como pasaba coa inicial, tamén poden adquirirse varias linguas segundas. Non obstante, é importante aclarar que no caso das linguas co-oficiais, estas non se consideran segundas linguas, e tampouco hai que confundila co término en inglés de "Second Language (L2)", xa que esta ten unha connotación diferente. Por último, a lingua estranxeira é aquela adquirida tan só a través da escola ou ámbito educativo, de forma consciente e cunha intención específica, e non empregada como vehicular. 

A segunda sesión comezou cunha explicación para distinguir entre a lingua habitual, a lingua de traballo e a lingua vehicular. A primeira é a que usa un falante na maioría dos contextos comunicativos, e non ten que coincidir coa lingua inicial (véxase por exemplo o caso dun inmigrante). A segunda é aquela que representa o principal medio de comunicación nunha empresa ou organismo multinacional ou nun estado plurilingüe, e non ten que coincidir coa lingua oficial do lugar. Por último, a lingua vehicular, ou lingua franca, é a lingua que se utiliza para que falantes de diferentes linguas poidan comunicarse. Isto lévanos ao concepto de repertorio lingüístico dunha comunidade de falantes, que é o conxunto de elementos lingüísticos coñecidos por esta (fonemas, palabras, variantes, etc). Mais é importante distinguir entre unha comunidade lingüística, aquela na que os falantes comparten un mesmo repertorio lingüístico de base, e unha comunidade de lingua, na que os falantes comparten o coñecemento e o uso dunha mesma lingua ou variedade lingüística. Para ilustrar isto, fixemos unha actividade na que tivemos que observar o repertorio lingüístico da aula. Pareceume moi interesante porque ao principio dixemos que como moito constaría de 15 linguas/variedades, e ao final foron 42! Ademais, no caso da aula somos unha comunidade lingüística, porque compartimos repertorio lingüístico, e tamén somos unha comunidade de lingua porque compartimos o coñecemento e uso dunha mesma lingua (galego/castelán). Así mesmo, tamén falamos sobre a didáctica das linguas estranxeiras, que ten a función de enriquecer o repertorio lingüístico do alumnado e cohesionar unha comunidade lingüística, e pode estar enfocada segundo perspectivas diferentes (AICLE, didáctica da lingua estranxeira, didáctica da segunda lingua, etc). Para ilustrar isto realizamos unha actividade na que tivemos que decidir que metodoloxía debía usarse nun contexto de aprendizaxe concreto e cales outras podían usarse, o que serviu para entender mellor os diferentes enfoques que existen na didáctica das linguas. 

A continuación, falamos sobre as variantes que existen nas situacións de ensino: as características do alumnado, do centro e os obxectivos que se queiran acadar. Por exemplo, a idade do alumnado vai afectar a súa capacidade e forma de aprendizaxe. Para observar as diferenzas e semellanzas realizamos por grupos outro diagrama de Venn. Por exemplo, algunhas das diferenzas que atopamos é que mentres que os nenos teñen máis facilidade respecto á entoación e pronunciación, os adultos presentan maior consciencia para aprender gramática. Porén, ambos utilizan a(s) lingua(s) base como referencia durante a súa aprendizaxe da nova lingua e a motivación por esta aprendizaxe é un factor clave no seu éxito (canta maior motivación e interese teñan, máis van a aprender). Finalmente, antes de rematar a aula realizamos unha última actividade que consistía en analizar, por grupos, a metodoloxía utilizada por diferentes libros de inglés ou francés. Despois de observar o libro en conxunto, cada membro do grupo centrouse nun aspecto (gramática, produción (+ entoación e fonética), léxico e recepción). No meu caso, tiven que analizar a gramática dun libro de inglés. A continuación, cada un de nós comparamos a nosa parte cos libros que usaron os demais grupos. En xeral, puiden observar que as distintas partes compleméntanse as unhas as outras, xa que a gramática e o léxico son traballadas a través dos exercicios de produción e recepción. Non obstante, cabe destacar que as diferentes partes non están sempre repartidas de forma equitativa nos libros, xa que nalgúns hai unha maior presenza de exercicios de gramática e noutros de vocabulario, ou viceversa. 

E ata aquí a entrada de hoxe! Tentei comentar a maior parte das actividades e conceptos que tratamos na aula, mais a variedade de tarefas e teoría que traballamos foi moi ampla. Este tema en xeral pareceume moi interesante, xa que aprendemos a distinguir entre os distintos tipos de linguas, a didáctica destas, e sobre as diferentes características que poden afectar a súa aprendizaxe, factores moi importantes de cara a súa ensinanza para poder enfocalas da mellor maneira posible. Ademais, as actividades que realizamos foron dinámicas e serviron para ilustrar moi ben a parte teórica á vez que poñíamos en práctica os nosos novos coñecementos. Espero que vos gustase a entrada!

Iria.  

luns, 7 de xaneiro de 2019

Comentarios Gonzalo

Boas tardes! 

Estes son os comentarios que deixei nos blogues das miñas compañeiras en relación aos temas do profesor Gonzalo Constenla. 

Dosier Tema 5- Laura Rodríguez Fernández


Dosier Tema 6 - Antía Álvarez Moure


Diario Tema 7 - Marta Fontenla Pensado

Saúdos!

Iria.