mércores, 19 de decembro de 2018

Diario: Tema 7 - Seccións bilingües e plurilingües. Metodoloxía CLIL/AICLE

Benvidas e benvidos unha vez máis ao meu blogue!

A entrada de hoxe vai dedicada á metodoloxía AICLE, ou CLIL en inglés, un tipo de metodoloxía que enfoca a aprendizaxe das linguas estranxeiras de forma máis integrada na educación, e non unicamente como materia illada. As siglas proveñen de "Aprendizaxe Integrado de Contidos e Linguas Estranxeiras", ou de "Content and Language Integrated Learning" no caso do inglés, un termo creado por David Marsh no ano 1994 para destacar aquelas prácticas nas que se usaban metodoloxías que integraban as linguas estranxeiras noutras materias e presentaban resultados positivos. Noutras palabras, un exemplo sería cursar unha materia como a de Tecnoloxía na lingua estranxeira. En suma, o que se pretende a través desta metodoloxía é que a lingua estranxeira se utilice como medio de comunicación co fin de proporcionar unha aprendizaxe da lingua máis característica, e tamén beneficiosa para a aprendizaxe da materia impartida en dita lingua. 

A estratexia AICLE está baseada nunha serie de principios metodolóxicos, que son os seguintes. O primeiro fai referencia a que a lingua estranxeira ten un uso significativo, porque ademais de aprender a comunicarnos a través dela e comprendela, tamén se utiliza para aprender o contido da materia particular a traballar mediante esta. O segundo principio é que a materia que se estuda determina o tipo de lingua que se vai a aprender, é dicir, nas áreas de ciencias o alumnado aprenderá vocabulario relacionado con este ámbito específico. Finalmente, o terceiro principio resalta a importancia que ten a fluidez ante os aspectos lingüísticos máis xerais, aínda que estes tampouco se poden esquecer xa que é importante prestar atención aos erros que poidan presentar para traballalos antes de que afecten á comprensión e produción dos contidos da materia. A maiores destes principios, David Marsh tamén presenta cinco dimensións significativas que ilustran esta metodoloxía. A dimensión da cultura é a que se preocupa dos aspectos interculturais da aprendizaxe dunha nova lingua. A dimensión do contorno refírese á parte da internacionalización da educación, por exemplo a través de certificados e de melloras nos centros educativos en relación ao estudo das linguas estranxeiras. A dimensión da lingua encárgase do ámbito plurilingüe, é dicir, de mellorar a competencia na nova lingua e promover o interese nesta á vez que se relaciona coa lingua materna. A dimensión do contido é a responsable de proporcionar a terminoloxía dunha materia na lingua estranxeira e así fomentar o estudo desta materia a través dunha perspectiva distinta. Por último, a dimensión da aprendizaxe é a que se ocupa de completar as estratexias de aprendizaxe individuais e dos métodos de práctica na aula, co fin de motivar ao alumnado para aprender.

O método AICLE presenta determinadas características que o diferencian dalgunhas metodoloxías de ensino máis tradicionais. A ensinanza ten unha perspectiva centrada no alumnado, polo que as tarefas son negociadas cos/as estudantes co fin de que se traballen aspectos que lles interesen máis e isto fomente a súa motivación para aprender. Así mesmo, a prioridade que ten este método é facilitar a comprensión do contido e do contexto, o que se procura facer a través do emprego de estratexias lingüísticas e paralingüísticas, e de adaptacións aos diferentes estilos de aprendizaxe que amosa o alumnado. A técnica de aprendizaxe utilizada é a "aprendizaxe por proxectos", para fomentar a autonomía e interacción do alumnado mediante actividades que promoven a comunicación e o traballo por descubrimento e investigación. Un punto fundamental na metodoloxía AICLE é a andamiaxe (scaffolding), técnica a través da cal o/a profesor/a actúa como soporte en caso de necesidade mentres o alumnado constrúe o seu propio coñecemento. A andamiaxe pode ser de recepción, de transformación ou de produción, dependendo da forma en que o alumnado asimile a nova información e de como o/a profesor/a poida apoialo nesta aprendizaxe.

Para finalizar, a metodoloxía AICLE presenta unha numerosa variedade de vantaxes que poden ser moi valiosas na aprendizaxe das linguas estranxeiras. Por exemplo, existe unha maior exposición á lingua e esta é empregada cun propósito específico, o que axuda a que o alumnado amose máis interese e motivación e, polo tanto, a aprendizaxe sexa máis eficaz. Así mesmo, tamén permite un maior contacto con outras culturas e contornos, promovendo deste xeito o respecto e tolerancia pola pluralidade. Alén diso, este método tamén presenta un enfoque máis integrador caracterizado pola súa diversidade de perspectivas e maior atención que se lle da ao papel da lingua durante o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Dende o meu punto de vista, é unha metodoloxía que pode ser moi beneficiosa para o alumnado, mais penso que para que realmente funcione o ideal sería poñela en marcha en grupos de idade máis pronta que a actual. Ademais disto, tamén creo que debemos asumir que é un proceso que leva o seu tempo, e que non podemos esperar resultados inmediatos, senón que se trata dun transcurso que deixa ver os seus froitos co longo do tempo.

Espero que esta entrada fose interesante e vos gustase!

Iria.






2 comentarios:

  1. Ola Iria!

    Moitas gracias pola análise tan completa a esta metodoloxía. Persoalmente, considero que a aprendizaxe por proxectos é ideal para adquisición dunha lingua estranxeira, e o estudo dunha materia diferente en lingua estranxeira -como é o caso de Tecnoloxía que poñías como exemplo- sería como levar esta metodoloxía un paso máis aló. Sen embargo, dende a miña experiencia persoal como alumna, creo que neste tipo de iniciativas non se acaba sacando o partido que se debería. Como ben dicías, chegar ao nivel de aproveitamento óptimo leva o seu tempo, e para poder impartir este tipo de materias sería necesario que se mellorase e reforzase a aprendizaxe da lingua estranxeira dende idades temperás.

    Un saúdo!

    ResponderEliminar