domingo, 23 de decembro de 2018

Diario + Dosier: Tema 3 - A ensinanza-aprendizaxe e certificación das linguas estranxeiras polas institucións internacionais

Boas tardes lectoras e lectores!

Benvidas e benvidos a miña última entrada para a materia de As Linguas Estranxeiras no Contexto Nacional e Internacional! Hoxe quero falarvos sobre o último tema que tratamos na aula coa profesora Carla Bouzada: a ensinanza-aprendizaxe e certificación das linguas estranxeiras polas institucións internacionais. Este abarca diferentes aspectos: as persoas involucradas no proceso de ensinanza-aprendizaxe (das linguas estranxeiras), os métodos para a aprendizaxe destas, os tipos de actividades, o papel do erro e a interlingua, a avaliación, e as institucións involucradas na certificación. A continuación, comentarei brevemente algúns destes puntos e tamén a actividade que realizamos para traballar o tema. 

Os usuarios que están involucrados no proceso da ensinanza-aprendizaxe son os seguintes: as autoridades educativas, os/as autores/as de manuais e responsables de deseño de cursos, as persoas relacionadas cos exames e cualificacións, o profesorado e o alumnado. Cada un destes usuarios ten unha función distinta, e é o conxunto de todas que fai posible a ensinanza e aprendizaxe dunha lingua. Por exemplo, o papel das autoridades educativas consiste en especificar os obxectivos da aprendizaxe, mentres que o alumnado ten a responsabilidade de amosar iniciativa para facilitar a autoaprendizaxe, xa que unha vez rematada a etapa educativa formal, a aprendizaxe das linguas pasará a ser autónoma, o que fai que o desenvolvemento da capacidade de aprender sexa moi importante. 

En canto á metodoloxía, o MCER non pode dicirnos cal usar en concreto, senón que ten que estar aberto a todas. O que fai o Marco é ofrecer unha serie de aspectos a tratar que derivan de prácticas existentes, pero non desenvolve os métodos a través dos cales poden traballarse. Por exemplo, algunhas das opcións que presenta de cara a aprendizaxe dunha lingua son: a exposición directa a un uso auténtico da L2 (ex: cara a cara, escoitando gravacións, vendo programas da televisión, etc); a exposición directa a enunciados falados e textos escritos en L2; mediante a participación directa en situacións comunicativas auténticas en L2 (ex: a través dunha conversación cunha persoa nativa); mediante a participación directa en tarefas elaboradas en L2; mediante a combinación de exercicios de repetición e actividades de explotación a través da L1 como lingua de explicación; ou mediante a combinación dalgunhas das actividades mencionadas. Respecto ao profesorado, este ten un papel moi importante no proceso de ensinanza-aprendizaxe dunha lingua estranxeira, polo que as súas destrezas para ensinar e dirixir a aula, as súas capacidades, os seus coñecementos, xunto con outros aspectos, son factores primordiais a ter en conta. Do mesmo xeito, o alumnado tamén presenta unha posición importante dentro do proceso, sendo responsable de participar e colaborar co profesorado e compañeiras/os

En relación co apartado da metodoloxía, realizamos unha actividade por grupos que consistía en investigar brevemente sobre diferentes métodos. No caso do meu grupo encargámonos da metodoloxía de Resposta Física Total (ou TPR do inglés Total Physical Response). Mentres procurábamos información tivemos que preparar unha breve presentación, para o que usamos a ferramenta genial.ly. Desde o meu punto de vista, esta metodoloxía conta coa vantaxe de que é moi dinámica e activa, o que pode axudar a manter o interese do alumnado durante a clase e a facilitar a aprendizaxe, aínda que penso que é máis axeitada para os máis pequenos, e non tanto para adultos. Cada grupo expuxo a presentación sobre o seu método ante a clase, parte da actividade que me pareceu moi interesante porque así todas as persoas puidemos aprender un pouco sobre cada un. Nesta imaxe déixovos  un enlace para acceder á presentación do meu grupo. 


Outro aspecto que mencionamos sobre a aprendizaxe das linguas foron as diferentes destrezas que se traballan, divididas en receptivas (comprensión lectora e oral) e produtivas (expresión escrita e oral). A comprensión lectora refírese á capacidade para reaccionar ante un texto escrito, é dicir, como comprendemos un texto a nivel léxico, xeral, e en base ao noso coñecemento do mundo, xa que a maneira en que enfoquemos a nosa lectura pode variar segundo o que procuremos neste. A comprensión oral é a capacidade que temos para dar sentido a un discurso oral, e como acontecía ao ler un texto escrito, non escoitamos sempre do mesmo xeito, xa que depende dos aspectos aos que teñamos que prestar particular atención. A expresión escrita está relacionada coa produción de textos para comunicar algo a alguén. Neste caso, as pautas que utilicemos para escribir dependen do tipo de mensaxe que queiramos transmitir e da persoa a quen vai dirixido. Por último, a expresión oral fai alusión á capacidade para comunicarnos con outras persoas. Para isto, hai que ter en conta os diferentes factores que afectan as nosas interaccións, como o contacto visual, as expresións faciais, a fluidez e a precisión, entre outros. 

Para rematar, tamén comentamos o papel que ten "o erro" na ensinanza das linguas. Para comprender este punto é importante saber que o erro é un fallo cometido polo alumno/a porque intenta facer referencia a algo por encima do seu nivel lingüístico ou de procesamento, polo que non se pode autocorrixir. Ademais, tamén é necesario coñecer o que é a interlingua: sistema que o/a estudante constrúe a medida que vai aprendendo a L2, e que polo tanto está influído pola L1. Hai que ter en conta que está en continua evolución, xa que o alumnado procesa, analiza e reorganiza a interlingua. En suma, esta constitúe unha etapa necesaria no proceso de aprendizaxe porque axuda a identificar os erros e como mellorar para falar a L2 correctamente. 

E ata aquí a entrada de hoxe, a través da cal xa coñecemos os diferentes aspectos que forman parte da aprendizaxe das linguas estranxeiras! Espero que fose interesante, e graciñas por acompañarme nesta aventura de "bloguera"!

Iria.

Dosier: Tema 8 - Presentación sobre o Sistema Educativo Irlandés

Boas tardes a todas e todos!

Aquí vos deixo a miña presentación sobre o sistema educativo irlandés que fixen en relación co tema 8 "As linguas estranxeiras como fenómeno global. Experiencias educativas internacionais". 
O sistema educativo irlandés presenta dúas diferenzas clave respecto ao sistema español: a realización do Junior Certificate tras rematar o terceiro curso, e que cursar o cuarto ano sexa unha opción optativa. Para poder comprender mellor isto, falarei brevemente sobre o primeiro ciclo da educación secundaria irlandesa, e sobre o cuarto ano e as súas particulares características que o diferenzan do resto. A maiores, farei unha breve anotación sobre o estudo das linguas estranxeiras que considero relevante. 

O primeiro ciclo, coñecido por Junior Cycle, vai dende o primeiro ata o terceiro curso. Normalmente comeza aos 12 anos, e tras a súa finalización, no 3º ano ten lugar unha avaliación oficial coñecida como Junior Certificate. O currículo desde ciclo está orientado á preparación de dita avaliación, e pretende ofertar un programa adaptado ás necesidades  do alumnado, que se atopa nunha etapa na que é máis fácil que contemple o abandono escolar. O obxectivo principal é axudar aos estudantes a desenvolver as súas capacidades, de forma que se fomente e motive o seu interese nos diferentes ámbitos educativos. Respecto das materias, o alumnado pode facer diferentes combinacións, cursando entre 8 e 10 materias combinadas con entre 1 e 4 "cursos breves". As materias poden cursarse en diferentes niveis, que son alto, estándar e baixo (este último unicamente para Matemáticas e Irlandés), e as materias obrigatorias son Inglés, Matemáticas e Irlandés. Alén disto, o currículo propón 18 materias optativas, mais a oferta depende de cada escola, os seus recursos e o tipo de alumnado. En relación cos "cursos breves" (short courses), estes teñen a función de incrementar a aprendizaxe do alumnado e complementar os seus coñecementos e intereses sobre ámbitos que non traballan as materias, e as escolas normalmente ofertan un máximo de catro. Finalmente, tras rematar estes tres anos, o alumnado ten que realizar o Junior Certificate, unha avaliación que acredita a finalización do primeiro ciclo da educación secundaria. A idea desta proba é preparar tanto ao alumnado que queira continuar os seus estudos como ao que desexe abandonar o sistema educativo e incorporarse antes ao mundo laboral, e proporcionar a todos e todas unha educación adecuada e equilibrada. 

En canto ao cuarto curso, coñecido como "ano de transición" e ofertado no 75% das escolas do país, ten a función principal de actuar como unión entre o Junior Certificate e o Leaving Certificate, as dúas probas oficiais desta etapa educativa. A través deste curso as institucións educativas pretenden ofrecer ao alumnado a posibilidade de prepararse para os diferentes niveis superiores e promover a súa autonomía e capacidade emprendedora, sen ter a presión dunha avaliación oficial ao final do ano. Respecto ao programa, cada escola deseña o seu curso, baseado nunhas pautas específicas e tendo en conta os intereses do alumnado e da comunidade. As materias están divididas en tres grupos: básico (materias que cursan durante o ano, como Inglés e Irlandés), de proba (materias que poden probar de cara a súa escolla para os próximos dous cursos, como Historia e Español), e específico (materias puntuais, como Fotografía e Psicoloxía). Ademais, durante este curso tamén se promoven outras actividades, como a experiencia laboral, a produción dun musical, traballo social/comunitario, etc. En relación co tema da avaliación, tamén é a escola a encargada de decidir que sistema seguir, e a maioría opta por portfolios, ou probas escritas e orais

Antes de rematar a miña entrada quería comentar brevemente un punto importante sobre o estudo das linguas estranxeiras na secundaria. No currículo do primeiro ciclo as linguas ofertadas son  francés, alemán, español, e italiano. No segundo ciclo, a estas linguas súmanse latín, grego antigo, árabe, xaponés e ruso. Pois ademais destas linguas, o alumnado pode examinarse no Leaving Certificate dunha lingua non ofertada se pertence a un país membro da UE e o/a alumno/a fala a lingua como se fose a materna. Por exemplo, unha alumna que fale portugués como lingua materna pode examinarse desta lingua aínda que non apareza no currículo.

En conclusión, o Junior Certificate e o cuarto curso optativo son as maiores diferenzas que presenta o currículo da secundaria en Irlanda respecto ao sistema español.  O punto a favor deste ano optativo é que serve para ampliar a experiencia do alumnado máis alá do sistema educativo, aspecto importante que tende a esquecerse, xa que nos centramos en cursar materias e aprobalas sen saber realmente o que nos espera fora e como desenvolvernos en novos contornos. Non obstante, isto tamén pode ter a desvantaxe de facer que o alumnado perda o interese en seguir estudando e prefira incorporarse antes ao mundo laboral. Respecto ao Junior Certificate, a vantaxe que pode presentar é que serve para preparar ao alumnado de cara ao Leaving Certificate, xa que saberán como funcionan os diferentes exames das materias e como preparalos. Por último, dende o meu punto de vista, o sistema educativo irlandés ten unha maior variedade na súa oferta, de materias e de posibilidades para cursar as avaliacións oficiais, polo que é tamén máis aberto e flexible. 

Espero que este tema vos parecese interesante e vos gustase, e se tedes algunha cuestión, non dubidedes en preguntar nos comentarios!  

Iria. 


mércores, 19 de decembro de 2018

Diario: Tema 7 - Seccións bilingües e plurilingües. Metodoloxía CLIL/AICLE

Benvidas e benvidos unha vez máis ao meu blogue!

A entrada de hoxe vai dedicada á metodoloxía AICLE, ou CLIL en inglés, un tipo de metodoloxía que enfoca a aprendizaxe das linguas estranxeiras de forma máis integrada na educación, e non unicamente como materia illada. As siglas proveñen de "Aprendizaxe Integrado de Contidos e Linguas Estranxeiras", ou de "Content and Language Integrated Learning" no caso do inglés, un termo creado por David Marsh no ano 1994 para destacar aquelas prácticas nas que se usaban metodoloxías que integraban as linguas estranxeiras noutras materias e presentaban resultados positivos. Noutras palabras, un exemplo sería cursar unha materia como a de Tecnoloxía na lingua estranxeira. En suma, o que se pretende a través desta metodoloxía é que a lingua estranxeira se utilice como medio de comunicación co fin de proporcionar unha aprendizaxe da lingua máis característica, e tamén beneficiosa para a aprendizaxe da materia impartida en dita lingua. 

A estratexia AICLE está baseada nunha serie de principios metodolóxicos, que son os seguintes. O primeiro fai referencia a que a lingua estranxeira ten un uso significativo, porque ademais de aprender a comunicarnos a través dela e comprendela, tamén se utiliza para aprender o contido da materia particular a traballar mediante esta. O segundo principio é que a materia que se estuda determina o tipo de lingua que se vai a aprender, é dicir, nas áreas de ciencias o alumnado aprenderá vocabulario relacionado con este ámbito específico. Finalmente, o terceiro principio resalta a importancia que ten a fluidez ante os aspectos lingüísticos máis xerais, aínda que estes tampouco se poden esquecer xa que é importante prestar atención aos erros que poidan presentar para traballalos antes de que afecten á comprensión e produción dos contidos da materia. A maiores destes principios, David Marsh tamén presenta cinco dimensións significativas que ilustran esta metodoloxía. A dimensión da cultura é a que se preocupa dos aspectos interculturais da aprendizaxe dunha nova lingua. A dimensión do contorno refírese á parte da internacionalización da educación, por exemplo a través de certificados e de melloras nos centros educativos en relación ao estudo das linguas estranxeiras. A dimensión da lingua encárgase do ámbito plurilingüe, é dicir, de mellorar a competencia na nova lingua e promover o interese nesta á vez que se relaciona coa lingua materna. A dimensión do contido é a responsable de proporcionar a terminoloxía dunha materia na lingua estranxeira e así fomentar o estudo desta materia a través dunha perspectiva distinta. Por último, a dimensión da aprendizaxe é a que se ocupa de completar as estratexias de aprendizaxe individuais e dos métodos de práctica na aula, co fin de motivar ao alumnado para aprender.

O método AICLE presenta determinadas características que o diferencian dalgunhas metodoloxías de ensino máis tradicionais. A ensinanza ten unha perspectiva centrada no alumnado, polo que as tarefas son negociadas cos/as estudantes co fin de que se traballen aspectos que lles interesen máis e isto fomente a súa motivación para aprender. Así mesmo, a prioridade que ten este método é facilitar a comprensión do contido e do contexto, o que se procura facer a través do emprego de estratexias lingüísticas e paralingüísticas, e de adaptacións aos diferentes estilos de aprendizaxe que amosa o alumnado. A técnica de aprendizaxe utilizada é a "aprendizaxe por proxectos", para fomentar a autonomía e interacción do alumnado mediante actividades que promoven a comunicación e o traballo por descubrimento e investigación. Un punto fundamental na metodoloxía AICLE é a andamiaxe (scaffolding), técnica a través da cal o/a profesor/a actúa como soporte en caso de necesidade mentres o alumnado constrúe o seu propio coñecemento. A andamiaxe pode ser de recepción, de transformación ou de produción, dependendo da forma en que o alumnado asimile a nova información e de como o/a profesor/a poida apoialo nesta aprendizaxe.

Para finalizar, a metodoloxía AICLE presenta unha numerosa variedade de vantaxes que poden ser moi valiosas na aprendizaxe das linguas estranxeiras. Por exemplo, existe unha maior exposición á lingua e esta é empregada cun propósito específico, o que axuda a que o alumnado amose máis interese e motivación e, polo tanto, a aprendizaxe sexa máis eficaz. Así mesmo, tamén permite un maior contacto con outras culturas e contornos, promovendo deste xeito o respecto e tolerancia pola pluralidade. Alén diso, este método tamén presenta un enfoque máis integrador caracterizado pola súa diversidade de perspectivas e maior atención que se lle da ao papel da lingua durante o proceso de ensinanza-aprendizaxe. Dende o meu punto de vista, é unha metodoloxía que pode ser moi beneficiosa para o alumnado, mais penso que para que realmente funcione o ideal sería poñela en marcha en grupos de idade máis pronta que a actual. Ademais disto, tamén creo que debemos asumir que é un proceso que leva o seu tempo, e que non podemos esperar resultados inmediatos, senón que se trata dun transcurso que deixa ver os seus froitos co longo do tempo.

Espero que esta entrada fose interesante e vos gustase!

Iria.






luns, 17 de decembro de 2018

Diario + Dosier: Tema 4 - Os niveis de referencia da aprendizaxe das linguas e o desenvolvemento de competencias

Ola de novo!

Como tema para a entrada de hoxe temos os niveis de referencia da aprendizaxe das linguas e o desenvolvemento de competencias. Imos comentar as competencias do MCER, tanto xerais como da comunicación lingüística en particular, xa que nesta materia temos maior interese na aprendizaxe das linguas estranxeiras. Primeiro describirei as competencias do MCER brevemente, centrándome en como están divididas e que aspectos traballan, e despois comentarei algunhas actividades que realizamos na aula en relación a este tema. 

O MCER fai distinción entre dous tipos de competencias: as xerais, que non están conectadas de forma directa coa lingua pero podemos recorrer a elas para levar a cabo diferentes accións; e as comunicativas, que permiten a unha persoa intervir a través de medios lingüísticos concretamente. As competencias xerais divídense en catro grupos: o saber, o saber facer, o saber ser, e o saber aprender. O saber, ou coñecemento declarativo, abarca os coñecementos sobre o mundo, socioculturais e interculturais. O saber facer refírese á capacidade dunha persoa para desenvolver destrezas e habilidades prácticas e interculturais. O saber ser, ou competencia existencial, está centrado nas actitudes e motivacións das persoas fronte a novas experiencias, xunto a outras características como os valores, as crenzas e diferentes factores da personalidade, aspectos moi importantes que poden afectar á capacidade de aprendizaxe do alumnado. Por último, o saber aprender reflicte a capacidade do alumnado para observar e participar en novas experiencias e incorporar estes novos coñecementos aos seus previos, capacidade que se desenvolve a medida que avanza a aprendizaxe da lingua. 

As competencias comunicativas están relacionadas coa lingua, e divídense nas seguintes categorías: lingüística, que abrangue as competencias léxica, gramatical, fonolóxica, e ortográfica, entre outras; sociolingüística, que inclúe os marcadores lingüísticos de relacións sociais, as normas de cortesía, e o dialecto e acento; e pragmática, que se divide en discursiva e funcional. As competencias lingüísticas miden diferentes aspectos das linguas, como a riqueza e dominio do vocabulario, a corrección gramatical, a competencia fonolóxica (pronunciación), e as competencias ortográfica e ortoépica. Cabe destacar que a complexidade dos sistemas lingüísticos e a constante evolución pola que pasan as linguas fai que sexa complicado elaborar unha descrición completa destas. A competencia sociolingüística traballa a dimensión social da lingua, o que inclúe marcadores sociais, como os saúdos e as formas de tratamento; normas de cortesía, as cales varían segundo a cultura e poden dar lugar a malentendidos se non se teñen os coñecementos básicos; expresións de sabedoría popular, como refráns; diferenzas de rexistro, que indican o nivel de formalidade das expresións lingüísticas que varían segundo o contexto; e dialecto e acento, xa que se recomenda que o alumnado estea informado sobre a variedade e connotacións sociais que estes factores presentan. Para rematar, a competencia pragmática divídese na competencia discursiva, capacidade que amosa o alumnado para ordenar oracións en secuencias coherentes na lingua a aprender, e na competencia funcional, capacidade que amosa o alumnado para utilizar o discurso falado e os textos escritos para comunicarse en situacións concretas. 
Desde o meu punto de vista, o apartado sobre o coñecemento declarativo é o máis interesante, xa que sempre me gustou aprender sobre as diferentes culturas do mundo. Penso que a lingua e a cultura están conectadas en certos aspectos, polo que cando aprendemos unha lingua non está de mal aprender un pouco sobre a cultura do país, ou países, onde se fala, para así enriquecer máis os nosos coñecementos. Respecto a este tema, gustaríame destacar dúas actividades que realizamos na aula. A primeira consistiu en ver o vídeo "The danger of a single story", charla TED de Chimamanda Ngozi Adichie, escritora nixeriana. Eu xa tiña visto este vídeo, é paréceme que, ademais de ser moi interesante, a mensaxe que transmite é moi importante. Non podemos reducir ás persoas aos estereotipos que temos sobre a súa cultura ou país, especialmente porque os estereotipos tenden a estar fundamentados nunha perspectiva ignorante e en moitas ocasións despectiva. Nas palabras de Adichie: "unha única historia crea estereotipos. E o problema cos estereotipos non é que non sexan certos, senón que están incompletos. Fan que unha historia se converta na única historia." É importante que non rebaixemos os nosos coñecementos a estes estereotipos, e mostremos interese polas diferentes culturas e tradicións doutros lugares, e polas diferentes historias que poda aportar cada persoa. A segunda actividade estaba relacionada co vídeo, e consistía en comentar entre todos e todas experiencias propias relacionadas cos estereotipos sobre o noso país. Xa coñecemos os estereotipos sobre España, e aínda que moitos tenden a ser acertados, nunca se sabe con que che poden sorprender no estranxeiro! Gustoume moito compartir estas anécdotas porque foi divertido á vez que interesante e serviu para dinamizar a parte teórica do tema e crear un bo ambiente na aula. 

En conclusión, é importante coñecer as competencias que queremos traballar, para así poder enfocar a nosa aprendizaxe. Aínda que as competencias comunicativas son máis específicas á hora de aprender unha lingua estranxeira, tamén é importante ter en conta as competencias xerais, porque a mellor maneira de avanzar na nosa aprendizaxe vai ser traballando gradualmente todos estes aspectos que ambos tipos de competencias abarcan. Por último, quería recomendarvos que vexades o vídeo de Chimamanda N. Adichie, xa que é unha charla moi interesante da que podemos aprender moito. 

Espero que vos gustase a entrada! 

Iria. 




mércores, 12 de decembro de 2018

Dosier: Tema 6 - As programacións didácticas vixentes

Boas de novo!

Nesta nova entrada quero comentarvos as actividades que realizamos na aula para tratar o tema sobre as programacións didácticas vixentes. Se queredes saber máis sobre as programacións, como están constituídas, que contidos abarcan, ou outros aspectos, podedes botarlle un ollo ao diario que acompaña a este dosier, no cal falo con máis profundidade sobre a parte teórica do tema. Máis agora, imos centrarnos na parte práctica! A primeira actividade que realizamos consistiu nun debate piramidal sobre as partes da programación e a súa importancia; para a segunda, tivemos que observar unha programación dunha materia dun instituto real, prestando atención as súas características; e na última tivemos que elaborar unha breve unidade temática para un nivel da EOI

Como acabo de mencionar, a primeira actividade consistiu en facer un debate piramidal sobre a estrutura das programacións didácticas. As programacións didácticas teñen que incluír, cando mínimo, quince elementos, entre os que se atopan a introdución contextualización da programación, as concrecións metodolóxicas que requira a materia, e as medidas de atención á diversidade. A nosa labor consistía en escoller, de entre os elementos dispoñibles, cales criamos que eran os máis relevantes. Como era un debate piramidal, primeiro comentamos o tema en pequenos grupos de tres persoas, e tiñamos que elixir tres elementos. A continuación, xuntándonos entre varios grupos pequenos tiñamos que chegar a un acordo entre todas as persoas para escoller, esta vez, seis elementos. Por último, conformando dous grandes grupos, a finalización do debate consistía en poñernos todos e todas de acordo para seleccionar os seis elementos da programación máis importantes. Esta actividade gustoume porque é interesante observar como o debate evoluciona dende unha escala máis pequena a unha máis grande, e ademais permite a interacción do alumnado, sen reducilo unicamente aos pequenos grupos de amigos que tenden a formarse. 

Resultado de imagen de kids working together cartoon

A segunda actividade xa tivo un pouco máis de dificultade. Esta consistía en observar unha programación didáctica, en particular os seus apartados principais, se as fontes de información estaban citadas, os contidos que trataba, e se presentaba algunha característica particular que chamase a atención. No meu grupo escollemos unha programación didáctica de Inglés, centrándonos no curso de 2º da ESO, dun instituto urbano. Esta programación cubría a maioría dos elementos mínimos requiridos, sendo o único que faltaba a concreción da temporalización de cada estándar, xa que non mencionaba como se ían distribuír, en canto ao tempo, os diferentes contidos a tratar. En canto ás fontes do currículo, estas estaban presentes na programación a través de diferentes apartados, como no de atención á diversidade (psicolóxica) e na contextualización (sociolóxica). O único que non atopamos foi mención a algún documento específico do centro, como PEC ou RRI. En xeral, pensamos que era unha programación bastante completa, xa que trataba a maioría dos elementos necesarios, e ademais, estaba moi ben redactada e presentaba a información de forma clara e precisa. Tras observar a programación, tivemos que crear un Powtoon sintetizando a información mencionada previamente, para compartilo en YouTube e avaliar as nosas creacións entre os diferentes compañeiros e compañeiras. Aínda que son moi partidaria de utilizar estas ferramentas para dinamizar as aulas, non quedei moi contenta co uso do Powtoon. Dende o meu punto de vista, é bastante complicado, xa que dependendo da plantilla que escollas só podes facer certas modificacións, e é máis difícil que se adapte ao tipo de presentación que queres realizar. No seu lugar, eu recomendaría utilizar Animoto, por exemplo, pero sempre estou aberta a novas suxestións de ferramentas online!

Por último, a terceira actividade consistiu en elaborar unha unidade temática para un nivel da Escola Oficial de Idiomas. Para realizar isto, tivemos que fixar un obxectivo e especificar que contidos actividades se traballarían para alcanzalo, e tamén os criterios instrumentos de avaliación, o mínimo esixible, e os recursos necesarios. A maiores, toda esta información compilouse nunha presentación a través da web genial.ly, unha páxina que ofrece a posibilidade de crear diferentes contidos visuais online, e que eu recomendo usar para fomentar a creatividade nas aulas. 


Para terminar a miña entrada, só quero comentar que este tema é importante na formación de futuros docentes. Se queremos realizar un bo traballo, é necesario, previamente, saber como facer unha boa programación para estruturar as nosas metas e como as levaremos a cabo. Ademais, tamén é importante saber como mellorar a nosa programación en caso de que atopemos que esta non está axudando a alcanzar os obxectivos planificados. Por isto, as actividades realizadas para coñecer mellor o funcionamento das programacións parecéronme unha boa técnica para traballar e poder comprender mellor estes contidos. 

Ata a próxima entrada! 

Iria.  




Diario: Tema 6 - As programacións didácticas vixentes

Benvidas e benvidos a unha nova entrada!

O tema que vou tratar hoxe vai sobre as programacións didácticas vixentes. Respecto á formación docente, é primordial que os futuros profesores e profesoras coñezan as diferentes partes que constitúen unha programación e as súas características, xa que para levar a cabo unha boa labor docente é necesario saber como planificar o traballo que se vai realizar, como por exemplo os obxectivos a alcanzar, e como facelo. Ademais, tamén é importante planear con antelación unha serie de medidas que poden ser necesarias nalgún momento ou para mellorar a aprendizaxe de certos alumnos e alumnas, como por exemplo os criterios de recuperación de materias pendentes, ou as medidas de atención á diversidade. En poucas palabras, unha programación didáctica é elaborada co obxectivo de planificar, segundo o currículo e de forma específica, o proceso de ensino e aprendizaxe do alumnado. A continuación, imos comentar algúns aspectos xerais necesarios para crear unha programación, e algunhas das diferentes programacións existentes de acordo ao noso sistema educativo.

Á hora de crear unha programación, é necesario ter en conta dúas perspectivas: a didáctica, e a programación de aula. Por un lado, a programación didáctica contempla aspectos como as ensinanzas de cada materia nos diferentes cursos ou etapas e é elaborada polo departamento previo ao inicio do curso, quen concreta aspectos referentes á metodoloxía e á avaliación, entre outros. Por outro lado, a programación da aula, que está baseada na programación didáctica, é elaborada por cada profesor/a responsable dos seus respectivos grupos e está centrada en aspectos máis específicos, como as unidades didácticas que traballará cada grupo ou as adecuacións necesarias que pode requirir o alumnado de cada un destes. Outro aspecto que hai que considerar cando se está a elaborar unha programación son as fontes de información: didáctica, epistemolóxica, sociolóxica e psicolóxica. A fonte didáctica refírese ao uso de documentos oficiais realizados polo centro, como o PEC, e ás diferentes leis, decretos ou ordes que se teñen en conta para elaborar unha programación. A fonte epistemolóxica implica coñecer os contidos específicos da materia a traballar, para así poder facelo seguindo unha metodoloxía axeitada. A fonte sociolóxica comenta as características do centro e do alumnado para identificar a mellor maneira de desenvolver o ensino-aprendizaxe nese contorno. Por último, a fonte psicolóxica vese reflectida normalmente no apartado de "atención á diversidade", xa que implica coñecer as características psicoevolutivas do alumnado para poder adaptar a programación nos casos que sexa preciso. É moi importante que se teñan en conta estas fontes para poder elaborar unha programación adecuada e eficaz. Finalmente, non existe un esquema específico á hora de redactar unha programación, polo que o formato pode variar segundo o centro. O importante é que cubra todas as partes necesarias, segundo a materia e a etapa a traballar, e que amose unha presentación coidada e apropiada. 

Resultado de imagen de programacion didactica

En referencia ás diferentes programacións do sistema educativo, vou comentar brevemente tres: a da ESO e Bacharelato, a da Formación Profesional, e a da Escola Oficial de Idiomas. Como é lóxico, non todas estas programacións poden presentar os mesmos elementos porque os sistemas e currículos son distintos. Por exemplo, as EOI teñen que contemplar actividades culturais que fomenten a aprendizaxe dunha lingua, mentres que na programación da secundaria é máis importante que se indique a contribución ao desenvolvemento das competencias clave. Do mesmo xeito, ditas programacións son elaboradas de formas diferente: as programacións da ESO e Bacharelato están feitas por cada departamento didáctico do centro en base ao currículo establecido; no caso da FP é o centro educativo o encargado de redactar, tamén segundo o seu currículo, as programacións de cada módulo profesional, e en canto ás EOI, esta tarefa recae no departamento de cada idiomas, seguindo as pautas da comisión e coordinación pedagóxica que se atopan no proxecto educativo. Non obstante, tamén teñen características en común. Os tres sistemas deben presentar na súa programación os contidos, obxectivos e criterios de avaliación que vai traballar cada materia, e tamén  é primordial que se presenten as medidas necesarias que se proporcionarán en canto á atención á diversidade. Unha vez sabemos isto, é importante considerar que, para elaborar unha programación axeitada, débese dar unha resposta aos elementos mínimos que require cada unha.

Pois xa coñecemos as claves para elaborar unha programación! Recordade que hai que ter en conta os diferentes elementos que as conforman e as fontes de información que deben presentar. Como xa mencionei previamente, aínda que non é un tema doado, é moi necesario coñecer esta información para poder levar a cabo unha boa labor docente. Preparar unha programación será de gran utilidade á hora de desenvolver o noso traballo na aula, e poder xestionalo mellor. Non obstante, non debemos esquecer que unha programación ten que presentar características que podan levarse a cabo realmente, tendo en conta o tipo de alumnado e de centro. Por esta razón, tamén é primordial que se teña en conta a posibilidade de realizar certos cambios na programación, co fin de mellorala e que aporte beneficios tanto para o profesorado como para o alumnado. 

Espero que esta entrada fose do voso interese! 

Iria. 




martes, 11 de decembro de 2018

Diario + Dosier: Tema 2 - O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas: obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea

Bos días queridas lectoras e lectores!

Hoxe traio unha nova entrada na que vos quero falar sobre o MCER. "E que é isto?" diredes. Pois MCER é a abreviatura de "Marco Común Europeo de Referencia (para as Linguas)" ou "Common European Framework of Reference (for Languages)". Como o seu nome indica, este estándar serve como base para determinar os currículos europeos da aprendizaxe das linguas, especificando os diferentes pasos a seguir para alcanzar os distintos niveis de competencia nunha lingua estranxeira. Este non só indica as pautas necesarias para que sexa posible comunicarse e comprender a lingua, senón que tamén comprende o contexto cultural desta. Ademais, a existencia deste marco facilita a colaboración entre as institucións educativas dos diferentes países de Europa e o recoñecemento dos certificados entre estes. En suma, o que o MCER pretende é facer da diversidade das linguas e culturas europeas unha fonte de enriquecemento, facilitando a comunicación e a interacción entre estas para así fomentar a mobilidade entre os distintos pobos europeos e o rexeitamento á discriminación que poida existir entre estes. 

Agora que xa coñecemos mellor que é o MCER, imos falar cun pouco máis de detalle sobre este. Para comezar, é importante destacar que o marco está fundamentado nunha serie de criterios, a través dos cales se pretende asegurar que os coñecementos e destrezas específicos sobre o uso da lingua sexan tan amplos como sexa posible, que existan puntos de referencia para medir o progreso e permitan unha avaliación continua, que a información que este proporciona sexa clara e coherente, que non sexa imposto un único sistema de ensinanza-aprendizaxe á vez que non estea suxeito a ningunha teoría/práctica lingüística e educativa, e que o marco poda ser aplicado aos diferentes fins que conforman a aprendizaxe das linguas. Outro aspecto significativo son os niveis comúns de referencia establecidos no MCER, os cales deben ser axeitados para os diferentes posibles contextos. Existen dúas dimensións diferentes á hora de medir o dominio dunha lingua, a vertical e a horizontal. A dimensión vertical, constituída polos niveis comúns de referencia, serve para describir o grao de dominio dunha lingua que posúe un usuario, mentres que a dimensión horizontal componse duns parámetros que describen o uso da lingua e a habilidade que amosa un usuario á hora de utilizala. Para finalizar, o MCER adopta un enfoque centrado na acción. Isto quere decir que a aprendizaxe da lingua está orientada a que as persoas desenvolvan as competencias necesarias, tanto xerais como lingüísticas. A meta é que a través destas competencias, as persoas poidan moverse en diferentes contextos e realizar actividades que promovan a apredizaxe da lingua, centrándose na produción e comprensión de mensaxes referentes a ámbitos específicos en dita lingua. 



Co fin de facer esta lección sobre o marco de referencia máis entretida, realizamos dúas actividades na aula. A primeira actividade consistía en facer un pequeno test para autoavaliar a nosa competencia lingüística no idioma estranxeiro. Se clicades na imaxe a continuación deste parágrafo accederedes á ferramenta deseñada polo Centro Europeo de Linguas Modernas do Consello de Europa para facer o test. Aínda que facer unha autoavaliación realista sobre as capacidades dun mesmo non é sempre doado, esta ferramenta pode ser útil se queremos facer un cálulo aproximado do nivel que cremos ter nunha lingua estranxeira. Ademais, se investigamos un pouco pola páxina web, esta tamén ofrece xogos relacionados cos idiomas, como por exemplo diferentes cuestionarios culturais sobre linguas, e outras fontes de curiosidades lingüísticas, como por exemplo, a miña favorita, sobre frases feitas usando cores en diferentes idiomas, ou sobre palabras que son iguais en varios idiomas pero teñen significados distintos. 



A seguinte actividade que realizamos consistía en crear un curso seguindo as indicacións do MCER, é dicir, planear o nivel do alumnado, os ámbitos e tarefas a traballar, as estratexias a seguir, os obxectivos a conseguir, o método de avaliación, e outros aspectos relevantes. Para isto dividímonos en grupos de tres persoas e escollemos a temática da nosa tarefa: no meu grupo ideamos un curso baseado no estudo de aspectos culturais a través da literatura, dirixido a un grupo de emigrantes retornados xa xubilados que contan cun nivel B1 de portugués e queren recuperar a fluidez na lingua equivalente á dun B2. A través desta actividade puiden comprender mellor o funcionamento do MCER, xa que me parece unha ferramenta máis complicada do que aparenta ser. Ademais, tamén penso que crear o noso propio curso é unha idea creativa que axuda a dinamizar estas aulas máis teóricas e facelas máis entretidas.

Como conclusión sobre esta entrada, vou destacar a importancia de coñecer o MCER. A día de hoxe, a maioría de exames e elementos que conforman os programas da ensinanza das linguas estranxeiras en Europa parten da base común que proporciona este marco. Este serve para fomentar o desenvolvemento e práctica eficaz na aprendizaxe dun idioma, incluíndo tamén coñecementos sobre aspectos culturais dos lugares de onde proveñan as diferentes linguas. En poucas palabras o MCER é unha escala de avaliación da competencia lingüística dunha persoa, e o criterio de homologación de diferentes títulos co fin de promover a mobilidade entre os países do continente europeo. Por esta razón, é importante coñecelo e saber como funciona para estar informados sobre a nosa aprendizaxe de idiomas.

Vémonos na próxima entrada!

Iria.