venres, 22 de febreiro de 2019

Didáctica: Segunda Entrada Úrsula Kirsten

Ola a todas e todos!

Esta é a miña última entrada para a materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Nesta vou falar sobre as competencias clave e sobre a ensinanza da gramática e do vocabulario. Centrareime nas distintas formas en que as diferentes competencias clave poden traballarse a través da lingua estranxeira, e no papel que teñen a gramática e o vocabulario na aprendizaxe desta. Así mesmo, tamén comentarei as actividades realizadas para ambos temas. 

Na lei previa a actual, é dicir, a LOE, presentábanse as competencias básicas. Actualmente, a LOMCE expón as xa coñecidas como competencias clave (competencia lingüística, competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, competencia dixital, aprender a aprender, competencias sociais e cívicas, sentido da iniciativa e espírito emprendedor, e, finalmente, conciencia e expresións culturais). A principal diferenza entre estas é que na LOE aparece a competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico, sendo así oito competencias en vez das sete actuais. Podemos atopalas no currículo de Galicia e procurar información específica sobre cales traballa cada materia en cada curso. Estas son avaliadas individualmente por cada profesor/a, e xeralmente, o/a titor/a está encargado/a de calcular a media de cada unha. Durante a aula dividímonos por grupos para pensar actividades que se poden facer para traballar as competencias clave na clase de LE, e ao meu grupo (Laura R. Fernández, María Riobó e eu) tocounos a competencia social e cívica. En vez de actividades, pensamos temas que poderían tratarse co fin de desenvolver dita competencia. Por exemplo, falar sobre o papel das ONG, da importancia de votar e estar ben informadas/os durante as eleccións, das diferentes maneiras nas que se pode coidar e protexer o medio ambiente e dos efectos nocivos que ten non facelo, e tamén sobre o fomento da igualdade entre os diferentes xéneros e o respecto pola diversidade

A competencia lingüística é a que máis se vai traballar na aula de linguas estranxeiras, xa que as actividades desenvolvidas teñen finalidade comunicativa, pero isto no quita que se poidan traballar o resto das competencias clave. Estes son algúns exemplos: a competencia matemática está presente en temas como as horas e o tempo, e no uso dos números. A competencia dixital pode atoparse no uso de dispositivos electrónicos (computdores, gravadoras, etc) e no acceso a material online e audiovisual (películas, cancións, xogos, blogues, etc). No caso da competencia de aprender a aprender, esta trabállase a través da oganización e autoavaliación, así como do desenvolvemento da autonomía. As competencias sociais e cívicas fomentan o respecto e interese pola lingua estranxeira e a súa cultura e pola diversidade, así como o respecto á hora de interactuar coas demais persoas. O sentido da iniciativa e espírito emprendedor  vese no esforzo do alumnado, e no fomento da creatividade e uso da imaxinación e innovación. Por último, a competencia de conciencia e expresións culturais está presente na representación de tradicións e costumes de diferentes culturas, na lectura sobre estas e na sensibilidade coa arte (uso de películas e cancións). 
Imagen relacionada

Movéndonos agora ao tema sobre a ensinanza do vocabulario e da gramática, é ben sabido que o sistema educativo español céntrase nesta última particularmente. Obviamente, coñecer a gramática dunha lingua é importante para poder falar axeitadamente, porén non é primordial e non se pode deixar outros aspectos de lado por darlle máis importancia a esta. Existen dous tipos de métodos que presetan dous extremos completamente opostos sobre o enfque da gramática. No método dedutivo (que é o tradicional) a gramática é o elemento principal, e está baseado na repetición e memorización. Por outro lado, no método indutivo, a comunicación ten máis importancia que a gramática e a aprendizaxe transcorre de forma intuitiva. Non obstante, existe un punto medio entre ambos métodos: o enfoque comunicativo, que presta atención unicamente á gramática necesaria para o contexto comunicativo. Para introducir a gramática dunha forma máis interesante para o alumnado, poden utilizarse cancións, xogos (ex: Kahoot, Quizlet, etc), películas, vídeos, e actividades de Respota Física Total

Respecto do vocabulario, ou léxico, este abarca diferentes puntos, que son a ortografía, a pronunciación, o contexo, o significado, e o seu uso dentro das oracións. O alumnado non sempre comprenderá todo o vocabulario polo que será necesario centrarse naquel que sexa primordial para a comprensión. Recoméndase utilizar lecturas en voz alta ou gravacións, dar instrucións claras sobre os significados, relacionar a aprendizaxe de vocabulario e ortografía, explicar ben como utilizar un dicionario, e proporcionar estratexias de aprendizaxe. Exemplos típicos de exercicios para practicar vocabulario son encher ocos, unir dúas partes, opción múltiple e corrixir erros. Os pasos que se recomenda seguir para a ensinanza de gramática e vocabulario son os seguintes: actividade de warm-up, exposición ao texto oral ou escrito que presente o aspecto gramatical / vocabulario que se vai traballar, asegurar a comprensión e comprobar que se entenderon as regras gramaticais / definicións do vocabulario, e aclarar as posibles dúbidas. Os exercicios que se realicen deberían ser guiados, semiguiados e libres, seguindo esta orde. En canto á corrección de erros, suxírese limitala e que non se enfoque de xeito tan negativo, xa que pode afectar á autoestima e participación do alumnado, e non podemos esquecer que os erros axudan á aprendizaxe

Para finalizar, déixovos aquí as tres actividades que deseñei para traballar o vocabulario sobre a ciencia, que están enfocadas ao curso de cuarto da ESO. Estas actividades están conectadas co Día da Muller e a Nena na Ciencia e o obxectivo principal é familiarizarse co vocabulario á vez que se promove a representación positiva da muller no ámbito científico-matemático e se procura romper cos estereotipos negativos sobre isto. Para comenzar, como warm-up, preguntaráselle ao alumnado se coñecen algunha muller científica, e cal foi o seu achegamento á ciencia, e se creen que é importante que exista un día para conmemorar a labor das mulleres neste ámbito. Unha vez o alumnado está familiarizado co contexto, verá o seguinte vídeo e terán que identificar aquelas palabras relacionadas co ámbito científico (exemplos: physicit, chemistry, experiment, scientist, research, lab, discovery). No caso dos alumnos que precisen unha maior atención, contarán cun papel coas palabras en castelán que teñen que atopar no vídeo, e no caso dos fast finishers estes terán tamén unha ficha na que asociar a cada muller mencionada no vídeo co seu aporte á ciencia e indicar se recibiu algún premio ou non. A seguinte actividade consiste en facer un bingo con vocabulario relacionado co tema. O alumnado dividirase por parellas e cada unha terá unha lista de palabras, todas diferentes. Aos alumnos que precisan maior atención daráselles tamén unha copia coa tradución das palabras ao castelán. A profesora dirá unha serie de definicións que se corresponden con algunhas das palabras que aparecen nas listas (por exemplo, se a palabra é chemistry, a definición desta sería branch of science that deals with substances and their possible transformations). Os alumnos terán que acertar que palabras se corresponden coas definicións, e a primeira parella que teña todas as palabras que van saíndo, gaña. Para a útima actividade, faranse grupos de tres o máis equitativos posibles (de acordo co perfil e nivel do alumnado) e cada grupo terá que investigar sobre unha muller científica (exemplos: Hedy Lamarr, Rosalind Franklin, Marie Curie ou Hipatia de Alexandría) para falar brevemente sobre esta e o seu traballo ante a aula. Para procurar información iríase a aula TIC. No caso de que houbese auxiliar, podería falar sobre unha, ou máis, científicas do seu país, e sobre a representación feminina no ámbito científico. En canto ás competencias, a través destas actividades traballaríanse a competencia lingüística, a competencia dixital, a competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, aprender a aprender, e as competencias sociais e cívicas. 


Espero que a entrada vos parecese interesante, e que vos gustasen as actividades presentadas. Agardo os vosos comentarios!

Iria. 








xoves, 21 de febreiro de 2019

Didáctica: Primera Entrada Úrsula Kirsten

Ola de novo a todas e todos!

Hoxe vou falar sobre os primeiros temas que tratamos coa profesora Úrsula Kirsten: a titoría, a atención á diversidade e a metodoloxía CLIL. Durante as sesións que traballamos estes apartados, centrámonos nas diferentes funcións da titoría e en como se pode integrar a lingua estranxeira dentro desta; observamos as diferentes medidas que se poden levar a cabo para proporcionar unha mellor atención á diversidade; e finalmente comentamos o papel dos auxiliares de conversación e como funciona o método CLIL. A continuación falarei brevemente sobre a teoría e presentarei as actividades prácticas que realizamos. 

A función titorial debe, entre outras cousas, fomentar unha educación integral e personalizada, máis alá de impartir coñecementos. A titoría utilízase principalmente para tratar temas transversais e proporcionar asesoramento en diferentes temas educativos, á vez que se pretende axudar ao alumnado a mellorar a percepción de si mesmos. É dicir, a acción titorial encárgase de proporcionar asesoramento en relación coas diferentes habilidades para a vida. Tratar estes temas pode ser moi beneficioso para o alumnado, porque de que nos serve ter tanto coñecemento de matemáticas ou historia da arte, se despois non vamos saber como desenvolvernos no mundo 'real', máis alá do ámbito educativo? Axudar a desenvolver as habilidades psicosociais do alumnado é moi importante para poder proporcionarlle as capacidades básicas necesarias para desenvolverse na sociedade. Así mesmo, é imprescindible fomentar un bo ambiente tanto no centro como na aula, destacando a importancia do respecto entre todas as persoas que integran a comunidade escolar

Respecto do idioma no que se debe impartir a materia, este é o galego, agás nos centros plurilingües. Non obstante, hai diferentes opcións que permiten integrar a lingua estranxeira dentro da aula de titoría, a través de diferentes actividades, por exemplo, sobre a diversidade cultural, técnicas de estudo, ou promovendo a participación en actividades do centro que se desenvolvan en dita lingua. Na aula, tivemos que crear unha tarefa para empregar nunha sesión de titoría, na que se integrase a lingua estranxeira. Xunto coas miñas compañeira María Riobó e Laura R. Fernández planeamos unha actividade para 2º da ESO, durante a semana previa ao Día Mundial do Medio Ambiente. Os obxectivos desta actividade son concienciar ao alumnado sobre os efectos da contaminación e do cambio climático, promover a importancia de preservar o medio ambiente e impulsar as 3R (reducir, reutilizar e reciclar). Para tratar isto utilizaríamos o vídeo que aparece a continuación, o que nos permitiría incorporar o inglés e aprender así vocabulario relacionado co coidado do ecosistema. 

Centrándonos agora nas medidas de atención á diversidade, estas son estratexias ou programas, que pretenden ofrecer a posibilidade de adaptar o sistema ás particulares características educativas do alumnado. Estas medidas están recollidas no Plan Xeral de Atención á Diversidade, e poden clasificarse en ordinarias ou extraordinarias. As ordinarias son aquelas nas que o currículo é adaptado pero sen producir alteracións significativas, mentres que as extraordinarias si que requiren modificacións características. Existen diferentes tipos de alumnado que poden precisar destas adaptacións para mellorar e facilitar o seu proceso de ensinanza-aprendizaxe, entre os que se atopan o alumnado con TDAH e o alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe (dislexia, disgrafía, etc). Cabe mencionar a existencia do Programa de Mellorar da Aprendizaxe e Rendemento (PMAR), un programa que se desenvolve entre 2º e 3º da ESO utilizando unha metodoloxía específica diferente á establecida no sistema xeral co fin de que o alumnado poida incorporarse a 4º da ESO pola vía ordinaria, obtendo así o graduado na Educación Secundaria Obrigatoria. As actividades de lingua estranxeira que realizan os alumnos de PMAR contan con certas adaptacións, como observamos nos modelos de 1000+ Activities (Oxford) e de Burlington Books. Estas adaptacións amosan un tipo de actividades máis guiadas, e contan co apoio de explicacións gramaticais e/ou traducións ao castelán para axudar ao alumnado que o precise a enfocar e seguir mellor as tarefas. Mais adiante, tamén hai a opción da Formación Profesional Básica para aqueles estudantes de entre 16 e 17 anos que deciden abandonar o sistema educativo sen obter o título da Secundaria Obrigatoria. A FP permite ademais continuar con estudos profesionais a través dos ciclos formativos de Grao Medio. Os obxectivos deste tipo de programas son evitar o abandono escolar temperá e a desescolarización, así como facilitar o desenvolvemento persoal e social do alumnado. 

Para rematar, falamos sobre os diferentes programas de linguas estranxeiras, tanto para o alumnado (CUALE, AXUDASLE), para o profesorado (PIALE, CALC), e outros como son as seccións bilingües, centros plurilingües e os auxiliares de conversación. Respecto destes últimos, son persoas que falan as nosas linguas estranxeiras (inglés, francés, portugués, etc) como primeira lingua, e actúan como asistentes para o profesorado destes idiomas. Algunhas das súas principais tarefas son practicar a oralidade, ensinar a cultura do seu país, axudar na planificación das aulas e achegar recursos didácticos. A presenza dun auxiliar de conversación pode traer moitas vantaxes á aula, como aportar unha visión directa da cultura do seu país, axudar ao alumnado a asimiliar de maneira natural a súa lingua e promover actitudes positivas e respectuosas de cara á diversidade cultural. Durante a aula, planeamos unha actividade para facer cun auxiliar de conversación. A miña compañeira Laura R. Fernández e eu pensamos nunha actividade para 2º da ESO co obxectivo de traballar o vocabulario sobre os deportes e de buscar o interese daquelas persoas que adoitan estar máis descolgadas no transcurso das aulas a través deste tema que pensamos que pode ser atractivo para elas. A auxiliar, de Inglaterra, expoñería unha presentación sobre os deportes típicos no seu país, falando tamén sobre os deportistas e/ou equipos máis coñecidos, e facendo énfase no fútbol, xa que igual que aquí é un dos deportes máis seguidos. Deste xeito, trataríase o vocabulario sobre os deportes á vez que o alumnado incrementa a súa cultura sobre a lingua meta.

Os auxiliares de conversación poden tamén apoiar a aqueles profesores que traballan a  través da metodoloxía CLIL. Como xa falei nunha das miñas entradas anteriores, esta metodoloxía presenta un enfoque da aprendizaxe das linguas estranxeiras desde unha perspectiva na educación, e non como materia illada. Trátase, polo tanto, dunha metodoloxía de carácter interdesciplinar, apoiada no enfoque por tarefas que segue un proceso de scaffolding (andamiaxe), e cuxo obxectivo é o contido e non a lingua. As aulas de CLIL están integradas baseándose en cinco compoñentes, que son: contido, comunicación, competencias, comunidade, e cognición. Por último, as actividades que se levan a cabo durante estas aulas divídense segundo o nivel de (menor a maior) dificultade en LOTS (Lower Order Thinking Skills) e HOTS (Higher Order Thinking Skills). Para ilustrar mellor esta metodoloxía, tivemos que planear as 5 Cs dunha lección CLIL. Tamén traballei coa miña compañeira Laura R. Fernández, e neste caso a nosa actividade está orientada á materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e ao curso de 1º da ESO, e céntrase no tema do cómic. O recursos necesarios son o bloc de debuxo, un set de regras, lapis, goma e cores. As 5Cs están explicadas na seguinte imaxe interactiva. No caso de que houbese auxiliar, este/a pode levar fotocopias dos cómics máis coñecidos no seu país e falar sobre ilustradores famosos que procedan de alí. 

E ata aquí por hoxe! Espero que vos parecese interesante a entrada e servira para ilustrar os contidos expostos na aula. Comprender ben estes aspectos, como o papel dos/as titores/as e dos/as auxiliares de conversación, as medidas que se poden tomar para atender á diversidade, e como funciona a metodoloxía CLIL, é clave na formación do profesorado. Espero tamén que vos gustasen as actividades aquí planeadas, e non dubidedes en deixar un comentario coa vosa opinión ou calquera cuestión!

Iria.