Bos días a todas e todos!
Na entrada de hoxe vou falar sobre a comunicación oral e escrita e o seu tratamento na aula, é dicir, comentarei os diferentes procedementos que se poden utilizar co fin de fomentar a aprendizaxe das linguas estranxeiras a través de actividades de expresión, interacción, comprensión e mediación. A maiores, tamén falarei brevemente sobre o uso que se pode facer das rúbricas para avaliar a expresión escrita e oral. Esta entrada correspóndese co tema 5, o cal foi impartido pola docente Cristina Rodríguez, polo que tamén describirei as actividades que realizamos durante as súas tres sesións.
As actividades de mediación están baseadas na teoría de que o coñecemento dalgunhas linguas axuda á hora de aprender outras. A mediación, moi brevemente, consiste en achegar certa información a unha persoa que por algún motivo non a comprende. Esta pode ser oral (por exemplo, interpretación simultánea en congresos ou interpretación consecutiva en visitas con guías) e tamén pode ser escrita (por exemplo, tradución exacta de documentos legais ou tradución literaria). A mediación pode clasificarse segundo tres aspectos diferentes: lingüístico/textual, conceptual e social/cultural. A través da mediación de textos preténdese, de forma oral ou escrita, transmitir información específica, explicar datos, procesar e traducir textos, así como tomar notas para terceiras persoas e facer análises críticas de textos creativos ou expresar a reacción persoal ante estes. Por medio da mediación de conceptos procúrase facilitar o acceso a coñecementos e conceptos para quen non pode acceder a eles directamente. Por último, a mediación da comunicación ten a función de posibilitar a comunicación entre individuos con diferenzas socioculturais ou sociolingüísticas, facilitando un espazo multicultural. Pasando agora ás actividades de comprensión, estas poden utilizarse para captar ideas principais (skimming) ou para buscar información específica (scanning). As actividades de lectura e escoita poden empregarse para identificar opinións, entender instrucións, entender determinado vocabulario, etc. Estas son realizadas seguindo unha serie de pasos: a presentación e familiarización co contido, unha primeira lectura/escoita, unha segunda lectura/escoita, e un exercicio de pos-lectura/pos-escoita. Durante estas actividades o papel da profesora recae na organización (explicar as instrucións, obxectivos e outros aspectos relacionados co desenvolvemento da actividade), na observación para poder obter e proporcionar feedback, e na estimulación da reflexión do alumnado.
Por último, quedan as actividades de produción e interacción, tanto escrita como oral. Por un lado está a expresión escrita, que adoita consumir moito tempo, xa que realmente ten que ser enfocada como un proceso dividido en planificación (tormenta de ideas ou debate), creación dun primeiro borrador (actividades cooperativas ou de edición e revisión) e a creación da versión final (publicación ou interacción). Algúns exemplos de actividades de expresión escrita son redactar poemas, crear un blogue colaborativo, ou escribir reseñas de libros e películas. O feedback ten un papel principal, xa que é importante que o alumnado aprenda a identificar, corrixir e entender os seus erros por eles mesmos, así como a recoñecer os seus puntos fortes. Por outro lado, a expresión oral é a máis importante no caso da aprendizaxe de linguas, polo que se recomenda incrementar o tempo de fala do alumnado ao máximo posible. Algúns exemplos de actividades de expresión oral son os debates, as presentacións, ou as simulacións e xogos de rol. O papel da profesora durante este tipo de actividades consiste en observar de forma discreta, interactuando co alumnado e incentivándoo para que fale, e proporcionar feedback. En canto á avaliación da expresión oral e escrita, unha opción é utilizar rúbricas. É importante ter en conta que a avaliación na aula debe ser transparente, consistente, de obxectivos claros, e debe proporcionar feedback descritivo. As rúbricas son un instrumento de avaliación compostas por unha serie de criterios coherentes para o traballo do alumnado que describen os niveis de calidade de actuación baseados neses criterios. Para deseñar unha rúbrica é preciso definir os criterios que vai seguir e decidir a escala na que vai avaliar. A través das rúbricas o alumnado pode centrarse nos criterios, deseñar estratexias e plantexar os obxectivos. Para ilustrar as rúbricas, durante a aula tivemos que deseñar unha que avaliase a nosa actividade de plurilingüismo. Esta tarefa foi máis difícil do que pensabamos porque resultou que tiñamos un concepto de rúbrica distinto en canto ás descricións que ofrece e a perspectiva que avalía. Por isto, considero que esta actividade foi de gran axuda para comprender mellor o concepto e así saber como utilizalo de cara ao futuro.

Durante as tres sesións con Cristina Rodríguez realizamos dúas actividades principais, ademais do deseño da rúbrica. A primeira consistiu en crear, en pequenos grupos, a nosa propia actividade de mediación ou sobre o plurilingüismo. No meu grupo deseñamos unha actividade centrada no plurilingüismo, mencionada previamente, enfocada a unha aula de alumnado estranxeiro que vén a España para aprender español durante o verán, e conta cun nivel B1. A actividade consiste en que, utilizando unha ficha con determinadas preguntas tanto sobre linguas como sobre aspectos culturais, os alumnos teñen que entrevistarse entre eles e apuntar os aspectos que teñen en común outros países co seu, e tamén algún dato que lles chame a atención. Tras estas pequenas entrevistas, o alumnado ten que reflexionar sobre se hai máis similitudes ou diferenzas e se a través desta actividade aprenderon algo novo sobre si mesmos (por exemplo, que o seu perfil é máis plurilingüe do que pensaban). Pensamos nesta actividade porque nos pareceu unha forma divertida e dinámica de conseguir que os estudantes se coñezan entre eles durante a primeira semana de aulas á vez que reflexionan sobre o seu propio perfil multilingüe e multicultural. A segunda actividade que planeamos, esta vez en parellas, estaba relacionada coa comprensión. Nesta ocasión, deseñamos unha actividade de comprensión oral para traballar o vocabulario relacionado coa festividade do Nadal, ou similares, xa que nos pareceu unha actividade que pode involucrar máis ao alumnado por tratarse dun contido cultural próximo aos seus intereses. A actividade consiste en comentar un pouco as tradicións típicas das datas, para familiarizar ao alumnado co contexto e, a continuación, ver un vídeo sobre as tradicións do Reino Unido. Tras velo dúas veces, o alumnado terá que contestar unha serie de preguntas que despois corrixirán entre eles por parellas, para finalizar cunha posta en común invitando ao alumnado a reflexionar sobre o que pensan do que aprenderon a través do vídeo. Realizar estas tarefas pareceume moi práctico e beneficioso porque serviu para ilustrar os conceptos teóricos e comprendelos mellor para poder levalos á práctica.
Para finalizar a miña entrada, quero destacar a utilidade desta unidade, xa que coñecer as actividades da lingua é algo primordial para poder enfocar a ensinanza de forma que beneficie ao alumnado o máximo posible. Saber como traballar a mediación, a comprensión, a interacción e a expresión é importante para poder mellorar a aprendizaxe do alumnado. Ademais, as actividades realizadas, como xa mencionei, axudaron moito a ilustrar os conceptos e poder poñelos en práctica, proporcionando tamén ideas de cara ao futuro.
Espero que vos parecese unha entrada interesante!
Iria.