Benvidas e benvidos ao meu blogue de novo!
Este ano comezamos unha nova materia: a didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras. Nesta trataránse diferentes aspectos, entre os cales destacan a aprendizaxe pedagóxica e didáctica necesaria para a formación do profesorado, os contidos curriculares, a elaboración de unidades didácticas, o deseño de actividades que traballen as catro destrezas da competencia comunicativa, a atención á diversidade, e as habilidades necesarias para que o proceso de ensinanza-aprendizaxe estea centrado sempre na perspectiva da educación en valores. Esta materia está repartida entre seis docentes diferentes, e este primeiro tema pertence ao profesor Gonzalo Constenla, que o impartiu en dúas sesións. A continuación centrareime nos aspectos tratados durante estas e nalgulnhas das actividades relacionadas.
Na primeira sesión, comezamos cunha actividade na que, por grupos de tres ou catro persoas, tivemos que distinguir os aspectos individuais e comúns entre o que son a lingua materna e a lingua estranxeira. Para isto empregamos un diagrama de Venn, o cal me pareceu moi útil porque o esquema dos círculos superpostos permite ilustrar ben tanto as características individuais como as comúns entre dous factores. Cada grupo traballou individualmente, e despois puxemos as nosas propostas en común. A maioría estabamos de acordo en que a lingua materna está caracterizada por unha adquisición máis temperá e unha aprendizaxe inconsciente a través da cal non se presta tanta atención á gramática. Así mesmo, tamén coincidimos en que entre os aspectos que diferencian á lingua estranxeira, destacan que esta adoita ser aprendida nun ámbito formal, que a súa adquisición é máis tardía que a da lingua materna, que se trata dunha aprendizaxe consciente e que, ademais, presta gran e particular atención á gramática. Respecto aos aspectos que teñen en común, podemos resaltar que ambas están ligadas á cultura das persoas que as aprenden. Tras esta pequena actividade, pasamos a explicar as diferenzas que existen entre a lingua inicial, a lingua segunda e a lingua estranxeira. A lingua inicial é a que aprende un/ha cativo/a previo á etapa escolar, de forma inconsciente e sen ningunha intención particular. Pode adquirirse máis dunha lingua inicial. En canto á lingua segunda, esta é adquirida despois da inicial, mais non necesariamente na escola como lingua do ensino, xa que tamén pode aprenderse na rúa ou no lar. Como pasaba coa inicial, tamén poden adquirirse varias linguas segundas. Non obstante, é importante aclarar que no caso das linguas co-oficiais, estas non se consideran segundas linguas, e tampouco hai que confundila co término en inglés de "Second Language (L2)", xa que esta ten unha connotación diferente. Por último, a lingua estranxeira é aquela adquirida tan só a través da escola ou ámbito educativo, de forma consciente e cunha intención específica, e non empregada como vehicular.
A segunda sesión comezou cunha explicación para distinguir entre a lingua habitual, a lingua de traballo e a lingua vehicular. A primeira é a que usa un falante na maioría dos contextos comunicativos, e non ten que coincidir coa lingua inicial (véxase por exemplo o caso dun inmigrante). A segunda é aquela que representa o principal medio de comunicación nunha empresa ou organismo multinacional ou nun estado plurilingüe, e non ten que coincidir coa lingua oficial do lugar. Por último, a lingua vehicular, ou lingua franca, é a lingua que se utiliza para que falantes de diferentes linguas poidan comunicarse. Isto lévanos ao concepto de repertorio lingüístico dunha comunidade de falantes, que é o conxunto de elementos lingüísticos coñecidos por esta (fonemas, palabras, variantes, etc). Mais é importante distinguir entre unha comunidade lingüística, aquela na que os falantes comparten un mesmo repertorio lingüístico de base, e unha comunidade de lingua, na que os falantes comparten o coñecemento e o uso dunha mesma lingua ou variedade lingüística. Para ilustrar isto, fixemos unha actividade na que tivemos que observar o repertorio lingüístico da aula. Pareceume moi interesante porque ao principio dixemos que como moito constaría de 15 linguas/variedades, e ao final foron 42! Ademais, no caso da aula somos unha comunidade lingüística, porque compartimos repertorio lingüístico, e tamén somos unha comunidade de lingua porque compartimos o coñecemento e uso dunha mesma lingua (galego/castelán). Así mesmo, tamén falamos sobre a didáctica das linguas estranxeiras, que ten a función de enriquecer o repertorio lingüístico do alumnado e cohesionar unha comunidade lingüística, e pode estar enfocada segundo perspectivas diferentes (AICLE, didáctica da lingua estranxeira, didáctica da segunda lingua, etc). Para ilustrar isto realizamos unha actividade na que tivemos que decidir que metodoloxía debía usarse nun contexto de aprendizaxe concreto e cales outras podían usarse, o que serviu para entender mellor os diferentes enfoques que existen na didáctica das linguas.
A continuación, falamos sobre as variantes que existen nas situacións de ensino: as características do alumnado, do centro e os obxectivos que se queiran acadar. Por exemplo, a idade do alumnado vai afectar a súa capacidade e forma de aprendizaxe. Para observar as diferenzas e semellanzas realizamos por grupos outro diagrama de Venn. Por exemplo, algunhas das diferenzas que atopamos é que mentres que os nenos teñen máis facilidade respecto á entoación e pronunciación, os adultos presentan maior consciencia para aprender gramática. Porén, ambos utilizan a(s) lingua(s) base como referencia durante a súa aprendizaxe da nova lingua e a motivación por esta aprendizaxe é un factor clave no seu éxito (canta maior motivación e interese teñan, máis van a aprender). Finalmente, antes de rematar a aula realizamos unha última actividade que consistía en analizar, por grupos, a metodoloxía utilizada por diferentes libros de inglés ou francés. Despois de observar o libro en conxunto, cada membro do grupo centrouse nun aspecto (gramática, produción (+ entoación e fonética), léxico e recepción). No meu caso, tiven que analizar a gramática dun libro de inglés. A continuación, cada un de nós comparamos a nosa parte cos libros que usaron os demais grupos. En xeral, puiden observar que as distintas partes compleméntanse as unhas as outras, xa que a gramática e o léxico son traballadas a través dos exercicios de produción e recepción. Non obstante, cabe destacar que as diferentes partes non están sempre repartidas de forma equitativa nos libros, xa que nalgúns hai unha maior presenza de exercicios de gramática e noutros de vocabulario, ou viceversa.
E ata aquí a entrada de hoxe! Tentei comentar a maior parte das actividades e conceptos que tratamos na aula, mais a variedade de tarefas e teoría que traballamos foi moi ampla. Este tema en xeral pareceume moi interesante, xa que aprendemos a distinguir entre os distintos tipos de linguas, a didáctica destas, e sobre as diferentes características que poden afectar a súa aprendizaxe, factores moi importantes de cara a súa ensinanza para poder enfocalas da mellor maneira posible. Ademais, as actividades que realizamos foron dinámicas e serviron para ilustrar moi ben a parte teórica á vez que poñíamos en práctica os nosos novos coñecementos. Espero que vos gustase a entrada!
Iria.
Ola, Iria.
ResponderEliminarEn primeiro lugar quero felicitarche pola entrada. Está moi ben estructurada e moi completa. A min tamén me sorprendeu que, ó final, o noso repertorio lingüístico estivera composto por 42 linguas/ variedades.
Un saúdo,
David.
Moitas grazas polo comentario David :)
EliminarHola, Iria. ¡Enhorabuena por la entrada! Me parece que has incluido una gran cantidad de información y que su estructuración es perfecta. Estoy de acuerdo contigo en que este primer tema ha resultado muy interesante, y que a mi parecer, ha resultado muy productivo debido a la cantidad de actividades que hemos realizado y a la importancia que tiene el haber profundizado en las variables que afectan al proceso de enseñanza-aprendizaje, pues el conocerlas resulta de vital importancia en una profesión como es la nuestra.
ResponderEliminar¡Un saludo y hasta la próxima!
Moitas grazas polo teu comentario María!
ResponderEliminarOla, Iria! Noraboa polo teu traballo. Como sinalas, a motivación é un factor clave na aprendizaxe non só dos cativos, senón tamén das persoas adultas. Moitas veces pensamos que o desexo dos adultos por aprender se basea só nunha motivación intrínseca, dámos incluso por sentado o seu compromiso co proceso de aprendizaxe, pero non debemos esquecer que a todos, teñamos a idade que teñamos, nos resulta máis doado interesarnos por unha materia se se nos presentan os contidos dun xeito atractivo. Saúdos!
ResponderEliminarBoas, Iria!
ResponderEliminarComo de costume, moi boa entrada! Coincido cos compañeiros en que consegues sintetizar de xeito claro e ben estruturado todos os puntos máis importantes que se trataron neste tema. Por outra banda, comparto con Aarón que a motivación nunca debe darse por sentada, e proba disto é que ao longo da nosa vida académica, aínda que estudemos o que nos gusta, sufrimos altibaixos que en ocasións se deben a factores como o plantexamento académico desas materias ou unha mala práctica docente. Unha gran responsabilidade coa que cargaremos tamén nós parcialmente no futuro.
Un saúdo e boa semana!