mércores, 28 de novembro de 2018

Diario + Dosier: Tema 1 - A ensinanza das linguas no presente modelo educativo, nacional e autonómico

Boas tardes amigas e amigos!

Nesta entrada quero falar sobre o primeiro tema que tratamos na aula: a evolución do papel das linguas estranxeiras no sistema educativo español dende a primeira metade do século XX ata hoxe. Penso que é unha cuestión interesante, xa que, por exemplo, considerando a forza que ten o inglés hoxe en día como primeira lingua estranxeira na educación española, chama a atención que ata os anos 50 a lingua estranxeira predominante fora o francés. Tamén, outro aspecto salientable é como o estudo da lingua estranxeira foi gañando cada vez máis peso no sistema educativo, de forma que se pasou de estudar unha única lingua estranxeira a partir dos dez anos, a estudar dúas comezando coa primeira na etapa de educación infantil e coa segunda a partir dos once anos. Dende o meu punto de vista, é importante fomentar un estudo positivo das linguas estranxeiras, porque a día de hoxe vivimos nunha sociedade global, e é imprescindible coñecer algunha lingua internacional, aparte das linguas maternas. 

A maiores do sistema educativo español e as súas ensinanzas de réxime xeral, cabe destacar o papel das Escolas Oficiais de Idiomas. Como ensinanza de réxime especial, a día de hoxe as EEOOII teñen un papel primordial na ensinanza das linguas. Un aspecto interesante sobre estas é o feito de que a primeira Escola Oficial de Idiomas abrise no ano 1911 (propiamente como Escola Central de Idiomas, máis foi o proxecto que serviu de base para o establecemento do resto de escolas), xa que polo menos eu pensaba que eran unhas institucións máis recentes. Tamén é notable observar como estas pasaron de ofertar unicamente tres idiomas (francés, alemán e inglés) a máis de vinte, nos que se inclúen o coreano, o árabe e o ruso entre outros (aínda que isto depende da escola). Paréceme marabilloso que oferten unha variedade tan ampla, porque fomentan e facilitan a aprendizaxe destes idiomas. 
Resultado de imagen de escuela de idiomas

Durante a clase, tras finalizar a explicación teórica, realizamos unha actividade que consistía en procurar información sobre o papel das linguas estranxeiras nas distintas modalidades da Formación Profesional. Para levar isto a cabo, dividimos a clase en tres grupos diferentes, e no meu grupo traballamos o tema da Formación Profesional Básica. Respecto a organización desta tarefa, decidimos procurar, entre todos os membros do grupo, información de interese que puidera ser relevante en canto a este tema. As páxinas que usei maiormente para procurar información foron a páxina da Xunta de Galicia e a páxina do Ministerio de Educación. Primeiro centreime na busca dos requisitos necesarios para acceder á FP Básica, e a continuación na procura sobre a presenza das linguas estranxeiras neste tipo de formación. Desafortunadamente, aquí atopei certos problemas á hora de encontrar datos exactos sobre a distribución da materia en lingua estranxeira. Non atopei ningún currículo das materias común ás diferentes modalidades, senón que hai un distinto para cada unha delas. Tras a comprobación de varios, observei que o estudo do inglés coincidía nestes, máis para afirmar con certeza que é o mesmo caso en todas as modalidades estas terían que ser comprobadas unha a unha.

A información atopada explicaba que a materia da Lingua Estranxeira (inglés) forma parte do módulo de Comunicación e Sociedade (I e II), no que tamén entran as materias de Lingua Castelá, Ciencias Sociais, e a Lingua Cooficial nos casos que proceda (por exemplo, en Galicia esta sería Lingua Galega), e que este módulo ocupa un total de 240 horas sumando ambos cursos. Respecto ao número de horas dedicadas á lingua estranxeira, atopamos que na parte I do módulo dedícanselle 59 horas, e na parte II, unicamente 34. Non obstante, non sabemos se isto é aplicado a todos os títulos ou só a algúns. A través dun artigo do ano 2016 do xornal El Periódico de Aragón puiden observar que a Diputación General de Aragón reducira o número de horas dos módulos comúns da FP Básica para evitar o abandono escolar, mais non atopei ningunha información relevante a Galicia, ou ao resto do país, polo que non se sabe se outras comunidades adoptaron as mesmas medidas, ou algunha diferente. Ademais, isto tamén indica que, se estes cambios non se promoven nas demais provincias e comunidades, non todos os lugares dedicarían as mesmas horas ao estudo da lingua estranxeira. Así mesmo, tamén existe a posibilidade de que nas comunidades onde non hai unha lingua cooficial, máis horas serán dedicadas ás materias restantes, xa que as horas do módulo serán repartidas entre tres e non catro materias. Por último, respecto a este tema, nos documentos oficiais indícase que a FP Básica ten como referente ao currículo das materias da ESO incluídas no bloque común correspondente, o cal non parece fácil de reducir a 59 ou 34 horas.

Como conclusión, penso que este tema é interesante porque puiden observar a evolución da presenza das linguas estranxeiras no sistema educativo e o proceso de desenvolvemento das Escolas Oficiais de Idiomas. Respecto a tarefa, só podo destacar que, dende a miña opinión, o papel que desenvolven as linguas estranxeiras na Formación Profesional Básica é máis ben escaso, e da a sensación de que a súa ensinanza é vista como algo secundario e complementario intentando basearse no que sería estudado na ESO, pero dificultando a adquisición dos coñecementos correspondentes. A maiores, tamén teño que destacar a dificultade previamente mencionada á hora de procurar información sobre a FP Básica e a súa distribución de materias, xa que o feito de que non atopara un currículo común a todas as modalidades fixo que non fose doado encontrar datos máis específicos, neste caso, sobre o estudo das linguas estranxeiras.

Espero que esta entrada fora do voso interese!

Iria.

P.D.: Aquí vos deixo unha breve presentación sobre o papel das linguas estranxeiras na Formación Profesional Básica, onde atoparedes a información máis sintetizada!















domingo, 25 de novembro de 2018

Diario: Tema 5 - O deseño curricular

Benvidos un día máis ao meu blogue!

Hoxe vou falar do deseño curricular, en concreto dos papeis que desenvolven as diferentes institucións, como son o Goberno do Estado, o Ministerio de Educación, o Goberno Autónomo, e os centros docentes. Aínda que non pareza un tema apaixonante, é importante coñecer os diferentes graos de concreción curricular, é dicir, saber quen ten responsabilidade sobre que aspecto en relación ao sistema educativo. Ademais, tamén explicarei un pouco como é a situación da ensinanza das linguas estranxeiras, centrándome na súa presenza no sistema educativo español.

O Goberno do Estado é o que se encarga de determinar os contidos comúns, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación do logro dos obxectivos e do grao de adquisición das correspondentes competencias. Ademais, tamén ten a labor de determinar o horario lectivo mínimo dos bloques de disciplinas troncais e específicas. En canto ao Ministerio de Educación  este determina os criterios de avaliación final do logro dos obxectivos e do grao de adquisición das correspondentes competencias (non é o mesmo que o que fai o Goberno do Estado, aquí refírese a avaliación final; é importante denotar estas diferenzas). Así mesmo, tamén deseña e determina as características das probas de avaliación final de secundaria e bacharelato. O Goberno Autónomo é o que, desde o meu punto de vista, ten un papel máis amplo, debido a que cada comunidade conta coas súas características individuais (sumadas ás xerais do país). Este é o encargado de complementar os contidos do bloque das disciplinas troncais, e os criterios de avaliación relativos a este bloque e ao das disciplinas específicas. Ademais, ten que establecer os contidos dos bloques de disciplinas específicas e de libre configuración autonómica, os criterios de avaliación destas últimas e os estándares de aprendizaxe avaliables relativos aos seus contidos. Por último, tamén fixa o horario lectivo máximo das disciplinas troncais (lembrade que é o Goberno do Estado quen determina o mínimo) e o horario correspondente das disciplinas específicas e de libre configuración. Finalmente, os centros docentes, como é lóxico, tamén teñen un papel que desenvolver respecto ao currículo. Estes son os responsables de complementar os contidos dos diferentes bloques de disciplinas e configurar a súa oferta educativa, de deseñar e implantar métodos pedagóxicos propios, e de determinar a carga horaria das diferentes disciplinas. 


Agora que xa coñecemos os diferentes niveis nos que se concreta o currículo, é hora de falar sobre a presenza das linguas estranxeiras no sistema educativo! Ben, xa mencionamos un par de veces ao "bloque de disciplinas troncais" e ao "bloque de disciplinas específicas". E por que o volvo repetir agora? Porque resulta que non todas as linguas estranxeiras pertencen ao mesmo bloque! A primeira lingua estranxeira constitúe unha materia troncal, e a segunda unha específica. Por isto, tendo en conta o que acabamos de aprender sobre a concreción curricular, sabemos que vai haber certas diferenzas respecto a ambas materias. Na ESO, durante o primeiro e segundo ciclo, a primeira lingua estranxeira é impartida de forma obrigatoria durante 3 horas por semana, mentres que a segunda lingua estranxeira só é obrigatoria durante 2 horas no 1º e 2º curso, xa que no 3º pasa a ser optativa e o mesmo sucede no 4º, aínda que aquí serían xa 3 horas. No Bacharelato, a primeira lingua estranxeira segue sendo obrigatoria durante 3 horas por semana, e a segunda é optativa en ambos cursos, sendo a única diferenza o feito de que no 1º curso só se imparten 2 horas e no 2º unha hora máis. En canto á Formación Profesional, na FP Básica, a lingua estranxeira (non se indica presenza de máis de unha) é impartida en dous cursos a través do módulo de Comunicación e Sociedade, contando no primeiro curso con 59 horas totais e no segundo únicamente con 34. Sen embargo, segundo é indicado, a materia ten como referente o currículo da ESO, aspecto que chama a atención considerando a redución de horas que se amosa na FP Básica. Deste aspecto falo máis detalladamente no dosier relativo a este diario, por se vos interesa coñecer mellor o tema. En canto aos ciclos de Grao Medio e Superior, a lingua estranxeira só é impartida naqueles ciclos nos que, de acordo co seu perfil, sexa relevante a súa ensinanza. Por último, quero facer unha mención especial ás Escolas Oficiais de Idiomas, que constitúen unha ensinanza de réxime especial centrada nas linguas. Segundo a organización da LOMCE, o ensino dos idiomas nesta institución divídese en tres niveis: básico (A1 e A2), intermedio (B1 e B2), e avanzado (C1 e C2). Estas escolas ofertan unha gran variedade de linguas, dándolle principal importancia ás dos Estados membros da UE, ás linguas cooficiais, ao español como lingua estranxeira, e a aquelas que poidan ser de interese por razóns sociais, económicas ou culturais. 

E hasta aquí a miña entrada de hoxe! Para concluír, unicamente dicir que é importante coñecer os diferentes niveis de concreción curricular, xa que é o noso deber como cidadáns e estudantes estar informados sobre os aspectos legais que afectan a unha cousa tan importante como a nosa educación. E, respecto ao punto da presenza das linguas estranxeiras, só podo destacar o limitado papel que estas teñen na Formación Profesional, e que se a proposta é seguir o establecido no currículo da ESO, deberían manterse as horas que este establece e non intentar dar os mesmos contidos nun tempo máis reducido. 

Espero que esta información fose do voso interese e sexa de utilidade de cara ao futuro! 

Iria. 

Dosier: Tema 5 - O deseño curricular

Ola amigos e amigas!

Hoxe veño a falar dunha serie de actividades que realizamos durante a aula sobre o deseño curricular, o que axudou a facer o tema máis dinámico. Por un lado, fixemos un par de actividades a través da web Kahoot sobre cuestións relativas ao currículo do sistema educativo e das EOI. Por outro lado, realizamos unha actividade na que tivemos que dividirnos en grupos para investigar a presenza que teñen as linguas estranxeiras nas diferentes etapas educativas como son a Educación Secundaria Obrigatoria, o Bacharelato, e a Formación Profesional, de acordo coa LOMCE. 

Respecto ao Kahoot, é de dicir que nunca o utilizara antes, e a verdade pareceume unha forma de aprender moi dinámica e divertida. Nestes Kahoots en particular traballamos diferentes aspectos relacionados co curriculum e sobre as institucións encargadas de determinar os distintos aspectos do sistema educativo e das Escolas Oficiais de Idiomas. Considerando que non é un tema precisamente doado, o método de traballalo a través dun test online pareceume interesante. Desde o meu punto de vista, o aspecto positivo que teñen os tests como técnica de estudo é que, cando un se equivoca nunha pregunta, tende a recordar despois ese erro, o que axuda a asimilar a información. Ademais, é unha actividade que se pode realizar por equipos (un dispostivo conectado por grupo) ou de forma individual (cada persoa precisa un dispositivo). En xeral, esta forma de levar a cabo o exercicio pareceume útil e interesante, máis destacaría un punto negativo: o feito de que sexa realizado a través dun equipo tecnolóxico pode ter certos inconvenientes, como por exemplo, que non todos funcionan á mesma velocidade, polo que non todas as persoas están xogando exactamente "ao mesmo tempo", e tamén hai algúns aspectos que non se poden controlar, como por exemplo que falle a conexión a internet ou mesmo o dispositivo que se está a usar. 


En canto á outra actividade, esta foi bastante diferente á primeira. Para realizala, dividímonos en pequenos grupos e a cada un tocounos procurar información sobre o papel das linguas estranxeiras no instituto e nos ciclos de Formación Profesional. Ao meu grupo tocounos a Formación Profesional Básica. Aínda que non é doado procurar información sobre as distintas materias da FP Básica e o seu peso no currículo, atopamos que a materia da lingua estranxeira pertence ao módulo de Comunicación e Sociedade, xunto coas materias de Lingua Castelá, Ciencias Sociais e Lingua Cooficial cando proceda (aquí, esta sería a Lingua Galega). En teoría, este módulo ten unha duración de 120 horas por curso, e destas horas, no primeiro ano dedícanselle 59 horas ao Inglés, mentres que no segundo unicamente 34 horas. O que chama a atención é que este módulo ten como referencia o currículo das materias da ESO, pero dedícanselle menos horas, así que como é posible concentrar toda a materia feita para determinado número de horas en moitas menos? Despois de que cada grupo traballara individualmente sobre o seu respectivo punto, puxéronse todos en común, ademais de que toda a información xuntouse nun documento de Drive compartido de toda a aula. Esta ferramenta paréceme moi útil á hora de traballar en conxunto con outras persoas, eu utilízoa constantemente para realizar algunhas tarefas cos meus compañeiros e compañeiras, e tamén a recomendaría para traballar na aula cos alumnos. 
Para concluír esta entrada, gustaríame destacar o que para min foi o novo descubrimento do Kahoot. Penso que esta ferramenta online non é unicamente útil para estes contidos que poden ser máis teóricos, senón que pode usarse en diferentes ámbitos e para traballar tipos de contidos diferentes. Por exemplo, en canto a miña área de especialidade, a lingua inglesa, penso que pode ser unha gran alternativa ás actividades máis tradicionais para traballar tanto aspectos de gramática como de vocabulario, ou outros. Paréceme que esta web, e outras similares como é por exemplo Educaplay, poden axudar a dinamizar a aprendizaxe e facela máis atractiva para o alumnado. Respecto ao que aprendín na outra actividade, quero destacar a dificultade persoal que percibín á hora de procurar información en relación coas materias de Formación Profesional Básica, xa que debido a que esta información non era moi exacta, xurdíronme diferente dúbidas. Por exemplo, no caso de existir unha lingua cooficial, reduciríanse as horas de inglés ou das demais materias do módulo, ou ampliaríanse o número de horas deste? Isto, ademais, tamén indica que o título a estudar pode presentar diferenzas de estudarse nunha comunidade ou noutra. Finalmente, quería destacar o feito de que se reduza tanto o número de horas da lingua estranxeira á vez que se pretende seguir o currículo correspondente da ESO, porque penso que isto é demasiado difícil. Non se pode pretender dar a mesma cantidade de materia que está programada para un certo número de horas nun número moito máis reducido, debido a que isto pode ter un efecto negativo para a educación do alumnado se o profesorado se centra en dar toda a materia posible sen asegurarse de que se van adquirindo os coñecementos. 

E ata aquí por hoxe! Espero que vos gustase a entrada e vos desde algunha idea sobre actividades para realizar nas aulas. 


Iria. 



sábado, 17 de novembro de 2018

Activities

Hello!

Here you have a couple of activities about the films we have watched during the Film Festival, and also one extra activity to practice the Christmas song we will be singing in the school's Christmas Festival!

If you have any problem regarding the online activities, please let me know!

Iria.


Guess the film Match these images Complete the song lyrics

November Film Festival

Hello!

Here you can have a sneak peek at the newsletter of the Film Festival the English Department is organizing to raise awareness on the issue of gender violence. 

Click the image below to see the full schedule! Hope to see you there :)

Iria.



Reto 2: Plan de Traballo

Ola!

A miña compañeira e eu estamos a traballar no Reto 2 , co cal queremos promover a creatividade na escola a través das diferentes artes e das novas tecnoloxías. Se facedes 'click' na imaxe a continuación podedes acceder a unha pequena presentación na que expoñemos os nosos primeiros pasos a seguir para poder afrontar o reto.





Seguiremos informando do progreso!


Iria.

martes, 13 de novembro de 2018

Sobre mín

Ola!

Son Iria Seijas, unha estudante do mestrado de profesorado na Universidade de Vigo. A través deste blogue vou compartir as distintas tarefas e proxectos en relación coa innovación docente e o papel das linguas estranxeiras no contexto español e internacional. Espero que atopedes esta información interesante!

Pero por agora, déixovos aquí este vídeo para que me coñezades un pouco mellor!




Vémonos :)