domingo, 25 de novembro de 2018

Diario: Tema 5 - O deseño curricular

Benvidos un día máis ao meu blogue!

Hoxe vou falar do deseño curricular, en concreto dos papeis que desenvolven as diferentes institucións, como son o Goberno do Estado, o Ministerio de Educación, o Goberno Autónomo, e os centros docentes. Aínda que non pareza un tema apaixonante, é importante coñecer os diferentes graos de concreción curricular, é dicir, saber quen ten responsabilidade sobre que aspecto en relación ao sistema educativo. Ademais, tamén explicarei un pouco como é a situación da ensinanza das linguas estranxeiras, centrándome na súa presenza no sistema educativo español.

O Goberno do Estado é o que se encarga de determinar os contidos comúns, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación do logro dos obxectivos e do grao de adquisición das correspondentes competencias. Ademais, tamén ten a labor de determinar o horario lectivo mínimo dos bloques de disciplinas troncais e específicas. En canto ao Ministerio de Educación  este determina os criterios de avaliación final do logro dos obxectivos e do grao de adquisición das correspondentes competencias (non é o mesmo que o que fai o Goberno do Estado, aquí refírese a avaliación final; é importante denotar estas diferenzas). Así mesmo, tamén deseña e determina as características das probas de avaliación final de secundaria e bacharelato. O Goberno Autónomo é o que, desde o meu punto de vista, ten un papel máis amplo, debido a que cada comunidade conta coas súas características individuais (sumadas ás xerais do país). Este é o encargado de complementar os contidos do bloque das disciplinas troncais, e os criterios de avaliación relativos a este bloque e ao das disciplinas específicas. Ademais, ten que establecer os contidos dos bloques de disciplinas específicas e de libre configuración autonómica, os criterios de avaliación destas últimas e os estándares de aprendizaxe avaliables relativos aos seus contidos. Por último, tamén fixa o horario lectivo máximo das disciplinas troncais (lembrade que é o Goberno do Estado quen determina o mínimo) e o horario correspondente das disciplinas específicas e de libre configuración. Finalmente, os centros docentes, como é lóxico, tamén teñen un papel que desenvolver respecto ao currículo. Estes son os responsables de complementar os contidos dos diferentes bloques de disciplinas e configurar a súa oferta educativa, de deseñar e implantar métodos pedagóxicos propios, e de determinar a carga horaria das diferentes disciplinas. 


Agora que xa coñecemos os diferentes niveis nos que se concreta o currículo, é hora de falar sobre a presenza das linguas estranxeiras no sistema educativo! Ben, xa mencionamos un par de veces ao "bloque de disciplinas troncais" e ao "bloque de disciplinas específicas". E por que o volvo repetir agora? Porque resulta que non todas as linguas estranxeiras pertencen ao mesmo bloque! A primeira lingua estranxeira constitúe unha materia troncal, e a segunda unha específica. Por isto, tendo en conta o que acabamos de aprender sobre a concreción curricular, sabemos que vai haber certas diferenzas respecto a ambas materias. Na ESO, durante o primeiro e segundo ciclo, a primeira lingua estranxeira é impartida de forma obrigatoria durante 3 horas por semana, mentres que a segunda lingua estranxeira só é obrigatoria durante 2 horas no 1º e 2º curso, xa que no 3º pasa a ser optativa e o mesmo sucede no 4º, aínda que aquí serían xa 3 horas. No Bacharelato, a primeira lingua estranxeira segue sendo obrigatoria durante 3 horas por semana, e a segunda é optativa en ambos cursos, sendo a única diferenza o feito de que no 1º curso só se imparten 2 horas e no 2º unha hora máis. En canto á Formación Profesional, na FP Básica, a lingua estranxeira (non se indica presenza de máis de unha) é impartida en dous cursos a través do módulo de Comunicación e Sociedade, contando no primeiro curso con 59 horas totais e no segundo únicamente con 34. Sen embargo, segundo é indicado, a materia ten como referente o currículo da ESO, aspecto que chama a atención considerando a redución de horas que se amosa na FP Básica. Deste aspecto falo máis detalladamente no dosier relativo a este diario, por se vos interesa coñecer mellor o tema. En canto aos ciclos de Grao Medio e Superior, a lingua estranxeira só é impartida naqueles ciclos nos que, de acordo co seu perfil, sexa relevante a súa ensinanza. Por último, quero facer unha mención especial ás Escolas Oficiais de Idiomas, que constitúen unha ensinanza de réxime especial centrada nas linguas. Segundo a organización da LOMCE, o ensino dos idiomas nesta institución divídese en tres niveis: básico (A1 e A2), intermedio (B1 e B2), e avanzado (C1 e C2). Estas escolas ofertan unha gran variedade de linguas, dándolle principal importancia ás dos Estados membros da UE, ás linguas cooficiais, ao español como lingua estranxeira, e a aquelas que poidan ser de interese por razóns sociais, económicas ou culturais. 

E hasta aquí a miña entrada de hoxe! Para concluír, unicamente dicir que é importante coñecer os diferentes niveis de concreción curricular, xa que é o noso deber como cidadáns e estudantes estar informados sobre os aspectos legais que afectan a unha cousa tan importante como a nosa educación. E, respecto ao punto da presenza das linguas estranxeiras, só podo destacar o limitado papel que estas teñen na Formación Profesional, e que se a proposta é seguir o establecido no currículo da ESO, deberían manterse as horas que este establece e non intentar dar os mesmos contidos nun tempo máis reducido. 

Espero que esta información fose do voso interese e sexa de utilidade de cara ao futuro! 

Iria. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario