venres, 22 de febreiro de 2019

Didáctica: Segunda Entrada Úrsula Kirsten

Ola a todas e todos!

Esta é a miña última entrada para a materia Didáctica da Ensinanza das Linguas Estranxeiras. Nesta vou falar sobre as competencias clave e sobre a ensinanza da gramática e do vocabulario. Centrareime nas distintas formas en que as diferentes competencias clave poden traballarse a través da lingua estranxeira, e no papel que teñen a gramática e o vocabulario na aprendizaxe desta. Así mesmo, tamén comentarei as actividades realizadas para ambos temas. 

Na lei previa a actual, é dicir, a LOE, presentábanse as competencias básicas. Actualmente, a LOMCE expón as xa coñecidas como competencias clave (competencia lingüística, competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, competencia dixital, aprender a aprender, competencias sociais e cívicas, sentido da iniciativa e espírito emprendedor, e, finalmente, conciencia e expresións culturais). A principal diferenza entre estas é que na LOE aparece a competencia no coñecemento e a interacción co mundo físico, sendo así oito competencias en vez das sete actuais. Podemos atopalas no currículo de Galicia e procurar información específica sobre cales traballa cada materia en cada curso. Estas son avaliadas individualmente por cada profesor/a, e xeralmente, o/a titor/a está encargado/a de calcular a media de cada unha. Durante a aula dividímonos por grupos para pensar actividades que se poden facer para traballar as competencias clave na clase de LE, e ao meu grupo (Laura R. Fernández, María Riobó e eu) tocounos a competencia social e cívica. En vez de actividades, pensamos temas que poderían tratarse co fin de desenvolver dita competencia. Por exemplo, falar sobre o papel das ONG, da importancia de votar e estar ben informadas/os durante as eleccións, das diferentes maneiras nas que se pode coidar e protexer o medio ambiente e dos efectos nocivos que ten non facelo, e tamén sobre o fomento da igualdade entre os diferentes xéneros e o respecto pola diversidade

A competencia lingüística é a que máis se vai traballar na aula de linguas estranxeiras, xa que as actividades desenvolvidas teñen finalidade comunicativa, pero isto no quita que se poidan traballar o resto das competencias clave. Estes son algúns exemplos: a competencia matemática está presente en temas como as horas e o tempo, e no uso dos números. A competencia dixital pode atoparse no uso de dispositivos electrónicos (computdores, gravadoras, etc) e no acceso a material online e audiovisual (películas, cancións, xogos, blogues, etc). No caso da competencia de aprender a aprender, esta trabállase a través da oganización e autoavaliación, así como do desenvolvemento da autonomía. As competencias sociais e cívicas fomentan o respecto e interese pola lingua estranxeira e a súa cultura e pola diversidade, así como o respecto á hora de interactuar coas demais persoas. O sentido da iniciativa e espírito emprendedor  vese no esforzo do alumnado, e no fomento da creatividade e uso da imaxinación e innovación. Por último, a competencia de conciencia e expresións culturais está presente na representación de tradicións e costumes de diferentes culturas, na lectura sobre estas e na sensibilidade coa arte (uso de películas e cancións). 
Imagen relacionada

Movéndonos agora ao tema sobre a ensinanza do vocabulario e da gramática, é ben sabido que o sistema educativo español céntrase nesta última particularmente. Obviamente, coñecer a gramática dunha lingua é importante para poder falar axeitadamente, porén non é primordial e non se pode deixar outros aspectos de lado por darlle máis importancia a esta. Existen dous tipos de métodos que presetan dous extremos completamente opostos sobre o enfque da gramática. No método dedutivo (que é o tradicional) a gramática é o elemento principal, e está baseado na repetición e memorización. Por outro lado, no método indutivo, a comunicación ten máis importancia que a gramática e a aprendizaxe transcorre de forma intuitiva. Non obstante, existe un punto medio entre ambos métodos: o enfoque comunicativo, que presta atención unicamente á gramática necesaria para o contexto comunicativo. Para introducir a gramática dunha forma máis interesante para o alumnado, poden utilizarse cancións, xogos (ex: Kahoot, Quizlet, etc), películas, vídeos, e actividades de Respota Física Total

Respecto do vocabulario, ou léxico, este abarca diferentes puntos, que son a ortografía, a pronunciación, o contexo, o significado, e o seu uso dentro das oracións. O alumnado non sempre comprenderá todo o vocabulario polo que será necesario centrarse naquel que sexa primordial para a comprensión. Recoméndase utilizar lecturas en voz alta ou gravacións, dar instrucións claras sobre os significados, relacionar a aprendizaxe de vocabulario e ortografía, explicar ben como utilizar un dicionario, e proporcionar estratexias de aprendizaxe. Exemplos típicos de exercicios para practicar vocabulario son encher ocos, unir dúas partes, opción múltiple e corrixir erros. Os pasos que se recomenda seguir para a ensinanza de gramática e vocabulario son os seguintes: actividade de warm-up, exposición ao texto oral ou escrito que presente o aspecto gramatical / vocabulario que se vai traballar, asegurar a comprensión e comprobar que se entenderon as regras gramaticais / definicións do vocabulario, e aclarar as posibles dúbidas. Os exercicios que se realicen deberían ser guiados, semiguiados e libres, seguindo esta orde. En canto á corrección de erros, suxírese limitala e que non se enfoque de xeito tan negativo, xa que pode afectar á autoestima e participación do alumnado, e non podemos esquecer que os erros axudan á aprendizaxe

Para finalizar, déixovos aquí as tres actividades que deseñei para traballar o vocabulario sobre a ciencia, que están enfocadas ao curso de cuarto da ESO. Estas actividades están conectadas co Día da Muller e a Nena na Ciencia e o obxectivo principal é familiarizarse co vocabulario á vez que se promove a representación positiva da muller no ámbito científico-matemático e se procura romper cos estereotipos negativos sobre isto. Para comenzar, como warm-up, preguntaráselle ao alumnado se coñecen algunha muller científica, e cal foi o seu achegamento á ciencia, e se creen que é importante que exista un día para conmemorar a labor das mulleres neste ámbito. Unha vez o alumnado está familiarizado co contexto, verá o seguinte vídeo e terán que identificar aquelas palabras relacionadas co ámbito científico (exemplos: physicit, chemistry, experiment, scientist, research, lab, discovery). No caso dos alumnos que precisen unha maior atención, contarán cun papel coas palabras en castelán que teñen que atopar no vídeo, e no caso dos fast finishers estes terán tamén unha ficha na que asociar a cada muller mencionada no vídeo co seu aporte á ciencia e indicar se recibiu algún premio ou non. A seguinte actividade consiste en facer un bingo con vocabulario relacionado co tema. O alumnado dividirase por parellas e cada unha terá unha lista de palabras, todas diferentes. Aos alumnos que precisan maior atención daráselles tamén unha copia coa tradución das palabras ao castelán. A profesora dirá unha serie de definicións que se corresponden con algunhas das palabras que aparecen nas listas (por exemplo, se a palabra é chemistry, a definición desta sería branch of science that deals with substances and their possible transformations). Os alumnos terán que acertar que palabras se corresponden coas definicións, e a primeira parella que teña todas as palabras que van saíndo, gaña. Para a útima actividade, faranse grupos de tres o máis equitativos posibles (de acordo co perfil e nivel do alumnado) e cada grupo terá que investigar sobre unha muller científica (exemplos: Hedy Lamarr, Rosalind Franklin, Marie Curie ou Hipatia de Alexandría) para falar brevemente sobre esta e o seu traballo ante a aula. Para procurar información iríase a aula TIC. No caso de que houbese auxiliar, podería falar sobre unha, ou máis, científicas do seu país, e sobre a representación feminina no ámbito científico. En canto ás competencias, a través destas actividades traballaríanse a competencia lingüística, a competencia dixital, a competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía, aprender a aprender, e as competencias sociais e cívicas. 


Espero que a entrada vos parecese interesante, e que vos gustasen as actividades presentadas. Agardo os vosos comentarios!

Iria. 








3 comentarios:

  1. Boas, Iria!

    Noraboa pola entrada! Coma sempre, clara e ben estruturada. Gustaríame ademais salientar a boa idea que é o feito de empregar un tema tan interesante e necesario de tratar as aulas para traballar o vocabulario. Ademais, conta co enfoque interdisciplinario ao que deberíamos aspirar como futuros docentes. Os tempos mudan e nós temos que mudar con eles!

    Un saúdo e boa fin de semana.

    ResponderEliminar
  2. Grazas polo teu comentario Laura,
    Un saúdo,
    Úrsula.

    ResponderEliminar
  3. Ola Iria,

    Grazas pola túa entrada.

    Engado os meus comentarios a continuación:

    Deberiamos citar as fontes das fotos.

    Na túa entrada pos: “Movéndonos agora ao tema sobre a ensinanza do vocabulario e da gramática, é ben sabido que o sistema educativo español céntrase nesta última particularmente.”. A lei marca que sigamos un enfoque por competencias, polo que se fomenta o traballo cooperativo, por proxectos e o enfoque comunicativo.

    Nas actividades de vocabulario, non engades a temporalización. No warm-up tamén lle deberías preguntar que palabras coñecen relacionadas coa ciencia. Fíxate que a segunda actividade que propós (o bingo) é unha actividade guiada, polo que teríamos que engadir outra semiguiada.

    Grazas polo teu traballo e esforzo,
    Un saúdo,
    Úrsula.

    ResponderEliminar