martes, 11 de decembro de 2018

Diario + Dosier: Tema 2 - O Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas: obxectivos, métodos e prioridades da política lingüística europea

Bos días queridas lectoras e lectores!

Hoxe traio unha nova entrada na que vos quero falar sobre o MCER. "E que é isto?" diredes. Pois MCER é a abreviatura de "Marco Común Europeo de Referencia (para as Linguas)" ou "Common European Framework of Reference (for Languages)". Como o seu nome indica, este estándar serve como base para determinar os currículos europeos da aprendizaxe das linguas, especificando os diferentes pasos a seguir para alcanzar os distintos niveis de competencia nunha lingua estranxeira. Este non só indica as pautas necesarias para que sexa posible comunicarse e comprender a lingua, senón que tamén comprende o contexto cultural desta. Ademais, a existencia deste marco facilita a colaboración entre as institucións educativas dos diferentes países de Europa e o recoñecemento dos certificados entre estes. En suma, o que o MCER pretende é facer da diversidade das linguas e culturas europeas unha fonte de enriquecemento, facilitando a comunicación e a interacción entre estas para así fomentar a mobilidade entre os distintos pobos europeos e o rexeitamento á discriminación que poida existir entre estes. 

Agora que xa coñecemos mellor que é o MCER, imos falar cun pouco máis de detalle sobre este. Para comezar, é importante destacar que o marco está fundamentado nunha serie de criterios, a través dos cales se pretende asegurar que os coñecementos e destrezas específicos sobre o uso da lingua sexan tan amplos como sexa posible, que existan puntos de referencia para medir o progreso e permitan unha avaliación continua, que a información que este proporciona sexa clara e coherente, que non sexa imposto un único sistema de ensinanza-aprendizaxe á vez que non estea suxeito a ningunha teoría/práctica lingüística e educativa, e que o marco poda ser aplicado aos diferentes fins que conforman a aprendizaxe das linguas. Outro aspecto significativo son os niveis comúns de referencia establecidos no MCER, os cales deben ser axeitados para os diferentes posibles contextos. Existen dúas dimensións diferentes á hora de medir o dominio dunha lingua, a vertical e a horizontal. A dimensión vertical, constituída polos niveis comúns de referencia, serve para describir o grao de dominio dunha lingua que posúe un usuario, mentres que a dimensión horizontal componse duns parámetros que describen o uso da lingua e a habilidade que amosa un usuario á hora de utilizala. Para finalizar, o MCER adopta un enfoque centrado na acción. Isto quere decir que a aprendizaxe da lingua está orientada a que as persoas desenvolvan as competencias necesarias, tanto xerais como lingüísticas. A meta é que a través destas competencias, as persoas poidan moverse en diferentes contextos e realizar actividades que promovan a apredizaxe da lingua, centrándose na produción e comprensión de mensaxes referentes a ámbitos específicos en dita lingua. 



Co fin de facer esta lección sobre o marco de referencia máis entretida, realizamos dúas actividades na aula. A primeira actividade consistía en facer un pequeno test para autoavaliar a nosa competencia lingüística no idioma estranxeiro. Se clicades na imaxe a continuación deste parágrafo accederedes á ferramenta deseñada polo Centro Europeo de Linguas Modernas do Consello de Europa para facer o test. Aínda que facer unha autoavaliación realista sobre as capacidades dun mesmo non é sempre doado, esta ferramenta pode ser útil se queremos facer un cálulo aproximado do nivel que cremos ter nunha lingua estranxeira. Ademais, se investigamos un pouco pola páxina web, esta tamén ofrece xogos relacionados cos idiomas, como por exemplo diferentes cuestionarios culturais sobre linguas, e outras fontes de curiosidades lingüísticas, como por exemplo, a miña favorita, sobre frases feitas usando cores en diferentes idiomas, ou sobre palabras que son iguais en varios idiomas pero teñen significados distintos. 



A seguinte actividade que realizamos consistía en crear un curso seguindo as indicacións do MCER, é dicir, planear o nivel do alumnado, os ámbitos e tarefas a traballar, as estratexias a seguir, os obxectivos a conseguir, o método de avaliación, e outros aspectos relevantes. Para isto dividímonos en grupos de tres persoas e escollemos a temática da nosa tarefa: no meu grupo ideamos un curso baseado no estudo de aspectos culturais a través da literatura, dirixido a un grupo de emigrantes retornados xa xubilados que contan cun nivel B1 de portugués e queren recuperar a fluidez na lingua equivalente á dun B2. A través desta actividade puiden comprender mellor o funcionamento do MCER, xa que me parece unha ferramenta máis complicada do que aparenta ser. Ademais, tamén penso que crear o noso propio curso é unha idea creativa que axuda a dinamizar estas aulas máis teóricas e facelas máis entretidas.

Como conclusión sobre esta entrada, vou destacar a importancia de coñecer o MCER. A día de hoxe, a maioría de exames e elementos que conforman os programas da ensinanza das linguas estranxeiras en Europa parten da base común que proporciona este marco. Este serve para fomentar o desenvolvemento e práctica eficaz na aprendizaxe dun idioma, incluíndo tamén coñecementos sobre aspectos culturais dos lugares de onde proveñan as diferentes linguas. En poucas palabras o MCER é unha escala de avaliación da competencia lingüística dunha persoa, e o criterio de homologación de diferentes títulos co fin de promover a mobilidade entre os países do continente europeo. Por esta razón, é importante coñecelo e saber como funciona para estar informados sobre a nosa aprendizaxe de idiomas.

Vémonos na próxima entrada!

Iria.

2 comentarios:

  1. Boa tarde, Iria!
    Fantástica entrada, noraboa! Resultoume especialmente interesante o que comentas sobre os xogos que ofrece o Centro Europeo de Linguas Modernas do Consello de Europa, ignoraba que existisen e poden ser moi entretidos. Botareilles unha ollada ;)
    Por outra banda, comparto a túa opinión sobre o MCER, creo que hoxe en día é esencial ter acreditacións do noso nivel de linguas e o feito de que exista unha regulación así facilita moitísimo a mobilidade, pois para irnos de Erasmus, por exemplo, é suficiente co título expedido polo centro de linguas da propia universidade, e non hai que desprazarse para realizar outros exames nin pagar custos desorbitados por acreditacións externas.
    Un saúdo e que pases boa semana!

    ResponderEliminar
  2. Ola Laura, moitas grazas por pasarte polo meu blogue e polo comentario!

    ResponderEliminar